
Devolver Digital é fiel á súa troleada a Rockstar Games e cumprirá a promesa de lanzar un videoxogo o mesmo día no que chegue ao mercado Grand Theft Auto VI traendo de volta a Volvy, o protagonista dun xogo que non chegou a publicarse, e do que ousan agora a facer unha remasterización.
Volvy’s Adventure: Reslimed será o novo xogo de acción e plataformas que chegará a Steam o vindeiro 19 de novembro a un prezo 4,99 euros (podéndose adquirir anticipadamente cun 25 % de desconto).
Estamos ante unha clara mostra do sentido do humor da xente de Devolver Digital, que aseguran que a súa nova creación está destinada a «afeccionados aos videoxogos con bo gusto», sendo unha incógnita se a broma levará a que este título con aires retro teña unha boa aceptación por parte do público.

A aventura permitirá percorrer catro mundos completamente renovados, repletos de inimigos e combates contra xefes, mentres Volvy recolle cebolas que lle permiten manter os seus niveis de poder ao máximo. A súa principal ferramenta será a enorme man do protagonista, que poderá utilizar para superar grandes fendas planando, desprazarse por raís, atravesar o aire a toda velocidade, escavar baixo terra e esnaquizar inimigos e obstáculos.
As cebolas tamén terán unha función especial: ao consumir unha determinada cantidade, Volvy transformarase en Swolvy, unha versión musculada do protagonista capaz de arrasar cos obstáculos que atope durante a aventura.
A historia queda nun segundo plano fronte á acción. Uns feiticeiros liberaron unha misteriosa substancia viscosa e Volvy deberá detelos, ademais de rescatar os seus amigos, que foron secuestrados.
O apartado visual foi completamente revisado e tamén se reformularon os minixogos que aparecen entre os distintos niveis.

