
Samsung presentou o Galaxy S26 FE, o novo modelo da súa gama Galaxy S26 e o primeiro dispositivo da serie que chega con One UI 9. O teléfono combina unha pantalla AMOLED de 6,7 polgadas, cámara traseira con teleobxectivo de 8 megapíxeles e zoom óptico 3x, batería de 4.900 mAh e o procesador Exynos 2500 fabricado en 3 nanómetros.
O Galaxy S26 FE aposta especialmente polas funcións de cámara e intelixencia artificial. O sistema traseiro está formado por unha cámara principal de 50 megapíxeles con estabilización óptica, un ultra gran angular de 12 megapíxeles e un teleobxectivo de 8 megapíxeles con zoom óptico 3x. A cámara frontal tamén mellora respecto da xeración anterior e alcanza os 12 megapíxeles.
A pantalla emprega un panel Dynamic AMOLED 2X de 6,7 polgadas con resolución FHD+ e unha frecuencia de actualización de ata 120 Hz. O brillo máximo alcanza os 1.900 nits. O dispositivo mide 161,6 x 76,9 x 7,4 milímetros e pesa 193 gramos.

O Exynos 2500 de 3 nanómetros é o procesador empregado polo teléfono, que se ofrecerá con 8 GB de memoria RAM e 128, 256 ou 512 GB de almacenamento. A batería ten unha capacidade de 4.900 mAh e admite carga por cable de ata 45 W, coa que pode alcanzar o 69 % en aproximadamente 30 minutos. Tamén ofrece carga sen fíos de 15 watts e Wireless PowerShare.
A conectividade inclúe 5G, LTE, Wi-Fi 6E, Wi-Fi Direct e Bluetooth 5.4. O Galaxy S26 FE conta ademais con certificación IP68 fronte á auga e ao po.
Samsung promete sete xeracións de actualizacións do sistema operativo e sete anos de actualizacións de seguridade desde o lanzamento global do dispositivo. Smart Switch tamén incorpora novas opcións para facilitar a migración desde outros teléfonos, incluídos dispositivos iPhone, mediante transferencia sen fíos e código QR.

O Galaxy S26 FE estará dispoñible a partir do 4 de setembro a un prezo recomendado de 799 euros, o que fai que sexa un produto moi complicado de colocar no mercado, xa que, pese a que chega como o gama de entrada da familia, dado que os modelos máis avanzados levan bastantes meses no mercado, e hoxe podemos adquirir en Amazon o moi superior Galaxy S26 por entre 665 e 829 euros con gastos de envío incluídos, e incluso o Galaxy S26+ pode adquirirse por dende 810 euros, convertendo o Galaxy S26 FE nunha moi mala opción ata que experimente importantes baixadas de prezo.

