
Unha filtración de aproximadamente 12 TB de datos de Steam tería exposto arquivos correspondentes a todo o contido publicado na plataforma entre 2003 e 2013, incluídos videoxogos de Valve e de terceiros, segundo información difundida polo creador de contido especializado en Valve Gabe Follower.
Os datos terían sido obtidos a través dun punto de acceso público da infraestrutura de Steam, sen que fose necesario acceder de maneira ilícita aos sistemas de Valve. O corte en 2013 estaría relacionado cun cambio no sistema de almacenamento empregado pola plataforma a partir dese ano.
O material abrangue tanto versións finais de xogos como compilacións beta e prototipos que nunca chegaron ao público. Os primeiros traballos de preservación xa permitiron localizar versións antigas e descoñecidas de varios títulos publicados durante ese período, polo que é previsible que aparezan novos achados a medida que se analicen os terabytes de información.

Entre os materiais localizados figura unha compilación de Left 4 Dead creada varios meses antes do lanzamento comercial. Esta versión presenta unha interface diferente, liñas de voz que non chegaron á edición final e partes dos mapas que foron modificadas antes da publicación do xogo.
A magnitude da filtración podería converter os datos nunha fonte relevante para a preservación histórica dos videoxogos e para coñecer o proceso de desenvolvemento de títulos publicados durante os primeiros anos de Steam. Tamén poderían saír á luz materiais de proxectos cancelados ou versións preliminares que nunca foran documentadas publicamente.

