
Esta fin de semana o boletín Power On, que escribe Mark Gurman para Bloomberg, adianta algunhas novidades que está a preparar Apple e que poderían presentarse o vindeiro día 9, xunto cos novos teléfonos insignia ca compañía da mazá.
Apple prepara unha nova xeración do Apple Watch para este outono, aínda que os Watch Series 12 e Watch Ultra 4 chegarán con cambios relativamente menores. A renovación máis importante do reloxo estaría en desenvolvemento para o próximo ano, mentres internamente tamén se están probando novas funcións relacionadas coa monitorización da saúde e o benestar.

Os Apple Watch Series 12 incorporarán novas caixas cerámicas, unha característica que Apple identifica internamente co nome iceman. A compañía de Cupertino probou configuracións en branco e gris escuro, acompañadas de novas cores e combinacións de correas.
O cambio de maior alcance chegaría cunha revisión completa do deseño que Apple quere ter preparada para 2027, aínda que o lanzamento podería atrasarse ata 2028. A renovación afectaría tanto ao aspecto exterior como ás capacidades do dispositivo.
Entre as funcións que están sendo probadas hai unha nova modalidade de monitorización da frecuencia cardíaca. O sensor podería rexistrar datos de maneira continua ao longo do día, en lugar de activar este seguimento principalmente durante exercicios intensos ou en momentos puntuais. O funcionamento tomaría como referencia o sistema empregado actualmente para monitorizar a frecuencia cardíaca durante os adestramentos, mantendo a medición activa de forma permanente.
Apple tamén está preparando cambios importantes no software de fitness e saúde do reloxo. A aplicación podería ofrecer máis métricas relacionadas co benestar e adoptar unha presentación máis próxima á que xa empregan servizos especializados como Whoop e Oura.
O iPhone Ultra non terá lapis

Apple tamén chegou a desenvolver e probar internamente un prototipo de Apple Pencil pensado especificamente para o futuro iPhone encartable. Aínda que a existencia deste accesorio foi considerada durante o desenvolvemento do dispositivo, non está previsto que necesariamente chegue ao mercado xunto co primeiro modelo.
O prototipo presenta unhas dimensións máis reducidas que os Apple Pencil destinados ao iPad, para adaptarse á altura do teléfono. Tamén incorpora un sistema magnético para fixalo no lateral do dispositivo e realizar a carga, seguindo unha fórmula similar á utilizada nos Pencil actuais.
A integración dun lapis dixitalizador nun teléfono encartable presenta, con todo, varios obstáculos. O almacenamento do Pencil podería resultar pouco práctico cando o teléfono está aberto e o usuario non necesita o accesorio. Ademais, as pantallas encartables son especialmente delicadas, polo que o contacto continuado cun dispositivo de entrada deste tipo podería deixar marcas visibles.
AirPods 5 e novo iPad mini

Os AirPods 5 poderían chegar xa en setembro, coincidindo coa presentación dos novos iPhone e Apple Watch. O calendario tamén apunta a unha renovación do iPad mini, que incorporaría por primeira vez unha pantalla OLED e podería chegar ás tendas antes de que remate outubro.
Os AirPods equipados con cámaras, pola contra, non estarían entre os lanzamentos inmediatos. O desenvolvemento deste produto continúa, pero o seu debut non parece próximo.

