
A Universidade da Coruña vén de acometer a renovación parcial do seu equipo de goberno, unha remodelación coa que, segundo indican os seus compoñentes, “prevé afrontar con maior fortaleza os retos da segunda parte do mandato e impulsar proxectos que marquen o futuro da universidade”. Na toma de posesión dos novos cargos, celebrada esta mañá na Reitoría, o reitor Ricardo Cao destacou que UDC “está nun momento decisivo para consolidar o seu crecemento e fortalecer o seu papel como universidade de referencia en docencia, investigación, transferencia de coñecemento e innovación.
E engadiu: “Abrimos unha nova etapa para a UDC. Contamos co talento, a capacidade e a ambición necesarias para seguir medrando como universidade pública ao servizo da sociedade e preparada para liderar os cambios que xa están transformando a nosa contorna”.
A principal novidade da remodelación é a creación da Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial, unha nova área coa que a UDC busca “reforzar a aposta pola transformación dixital e pola incorporación da intelixencia artificial como elemento transversal da actividade académica, investigadora e de xestión”.
Ao fronte desta nova vicerreitoría estará Laura Castro Souto, enxeñeira en Informática e doutora en Computación, ambas titulacións pola Universidade da Coruña. É docente no Grao en Enxeñaría Informática da UDC e investigadora no Grupo de Cidadanía Dixital. Tamén estará formada por Bruno Casal Rodríguez (doutor en Economía pola Universidade da Coruña e profesor titular no Departamento de Economía, onde imparte materias da área de Facenda Pública, ocupará a Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica), Luis Hervella Nieto (doutor e profesor titular de Matemática Aplicada na Facultade de Informática e investigador do grupo M2NICA, que será o titular da Vicerreitoría de Profesorado), Alsira Salgado Don (doutora e profesora permanente laboral de Ciencias e Técnicas da Navegación na Escola Técnica Superior de Náutica, quen asumirá a Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade) e María Hernández García (doutora en Dereito e letrada no Concello da Coruña, será a nova responsable da Xerencia).

Continúan á fronte das súas áreas completando o equipo reitoral: Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización; Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia; Marta García, secretaria xeral; Cristina Naya, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte; Sonia Vázquez, vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade; e Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol, Igualdade e Responsabilidade Social.
Durante a súa intervención, Ricardo Cao avanzou que a segunda parte do mandato estará marcada por retos estratéxicos como a elaboración dun novo plan estratéxico para a universidade, a consolidación do proxectos da UDC na Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas), o fortalecemento do Campus Industrial de Ferrol, a renovación da oferta académica, o desenvolvemento de novas titulacións vinculadas aos sectores emerxentes e o avance da descentralización dos estudos de Medicina.
O reitor subliñou tamén a necesidade de continuar impulsando a captación e retención de talento, a internacionalización, a investigación de excelencia, a transferencia e o desenvolvemento da alianza universitaria europea EMERGE, ao tempo que reiterou a importancia de acadar un financiamento suficiente para responder ás necesidades presentes e futuras do sistema universitario galego.

