
Poco amplía a súa gama alta de smartphones cos novos F9 Pro e F9 Ultra, dous teléfonos que comparten boa parte da plataforma técnica, pero que presentan diferenzas importantes nas cámaras, na pantalla, no sistema de audio e na capacidade da batería.
O Poco F9 Ultra sitúase como o modelo máis avanzado da familia e incorpora o Snapdragon 8 Elite Gen 5, acompañado de ata 16 GB de memoria RAM LPDDR5X e 1 TB de almacenamento UFS 4.1. O Poco F9 Pro utiliza a variante Snapdragon 8 Elite Gen 5 V Series e ofrece ata 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento. Nos dous casos, o procesador emprega núcleos Oryon de terceira xeración fabricados cun proceso de 3 nanómetros.
A plataforma gráfica compleméntase co chip dedicado VisionBoost D8 e o módulo GEX, orientados a funcións como a superresolución, a interpolación de fotogramas e o HDR nos xogos compatibles. O WildBoost Engine permite levar determinados títulos ata 185 FPS, aproveitando a frecuencia de actualización das pantallas, mentres que a frecuencia de mostraxe táctil chega aos 480 Hz e pode alcanzar os 4.800 Hz de forma instantánea en determinadas condicións de xogo.

As pantallas son AMOLED HyperRGB de 12 bits, con cobertura DCI-P3, HDR10+ e Dolby Vision. O F9 Ultra emprega un panel de 6,9 polgadas con resolución de 2.608 x 1.200 píxeles, mentres que o F9 Pro incorpora unha pantalla de 6,59 polgadas e 2.510 x 1.156 píxeles. Ambos alcanzan os 185 Hz de frecuencia de actualización e contan con protección Gorilla Glass 7i e lector ultrasónico de pegadas integrado na pantalla.
A configuración fotográfica é outra das principais diferenzas entre os dous modelos. O F9 Ultra conta cun sensor principal de 200 megapíxeles con estabilización óptica, acompañado dun teleobxectivo periscópico de 50 megapíxeles con zoom óptico 5x e unha cámara ultra gran angular de 50 megapíxeles. O sistema permite gravación de vídeo en 8K a 30 fotogramas por segundo, ademais de 4K a 30 e 60 FPS.
O F9 Pro tamén dispón dunha cámara principal de 200 megapíxeles con estabilización óptica, pero substitúe o periscopio por un teleobxectivo flotante de 50 megapíxeles con zoom óptico 2,5x. A cámara ultra gran angular queda neste caso en 8 megapíxeles e a gravación de vídeo alcanza 4K a 60 FPS. Ambos modelos incorporan unha cámara frontal de 32 megapíxeles con gravación 4K a 30 FPS.
A batería marca unha diferenza aínda maior. O F9 Ultra incorpora unha unidade de silicio-carbono de 8.050 mAh, mentres que o F9 Pro queda en 6.330 mAh. Os dous admiten carga rápida por cable de 100 watts e carga sen fíos de 50 watts, ademais de carga inversa de ata 27 watts por cable e 22,5 watts sen fíos.
O sistema de audio tamén varía entre os dous dispositivos. O F9 Pro dispón de dous altofalantes estéreo simétricos, mentres que o F9 Ultra engade un subwoofer independente para configurar un sistema 2.1. Os dous contan con Dolby Atmos, certificación Hi-Res e axustes de son desenvolvidos con Bose.
A conectividade inclúe 5G, Wi-Fi 7, Bluetooth 6.0, NFC e compatibilidade con Dual SIM, con diferentes combinacións de SIM física e eSIM segundo o modelo. Tamén incorporan USB-C e resistencia á auga e ao po IP68 baixo condicións de laboratorio.

O F9 Ultra mide 163,49 x 77,94 x 8,74 milímetros e pesa 235 gramos, mentres que o F9 Pro reduce as súas dimensións a 157,49 x 75,25 x 8,79 milímetros, o peso a 206 gramos e o seu prezo oficial parte dos 829,99 euros (629,99 euros cun cupón de desconto). O Ultra estará dispoñible en negro e vermello.

O Poco F9 Pro parte de 739,99 euros para a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (589,99 euros cun cupón de desconto), dispoñible en cor negra, verde e branca.

