
O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) presentou a programación da súa XIX edición, que converterá novamente a vila do Morrazo nun punto de encontro arredor da curtametraxe entre o 4 e o 19 de setembro. Fíxoo esta mañá coa presenza de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Carmen García, concelleira de Cultura do Concello de Bueu; e Manuel Pena e María Ruiz-Falcó, da dirección do FICBueu. Entre as novidades do certame inclúese a súa inclusión, con canle de seu na plataforma audiovisual Filmin.
Segundo engadiron, “durante máis de dúas semanas, a vila acollerá cinema chegado de diferentes puntos do mundo, creación galega, obras fundamentais da historia do cinema, encontros arredor do pensamento cinematográfico, música e iniciativas sociais e formativas”.
Durante a presentación, Sutil quixo destacar que se trata dun evento no que comproba “como todos os anos aumenta en relevancia e internacionalización”, apuntando que “se o sector audiovisual galego está nun dos seus mellores momentos é en parte grazas a festivais coma este: diferente, cunha ollada especial na nosa produción e cunha especial atención tamén para os espectadores máis novos”.
Jorge Cubela, pola súa banda, puxo o foco en que “o FICBueu é un dos eventos máis importantes de Galicia e da provincia, e un dos máis valorados dentro dos Rías Baixas Film Fest”, mentres que Carmen García valorou moi positivamente que o festival “sexa un proxecto que convide á calma, á reflexión e a ver e valorar as cousas dende outra perspectiva a través das propostas que achega o equipo de programación”.
Explicaron que a nova edición mantén unha das principais características do FICBueu: “Entender a curtametraxe non só como un formato de exhibición, senón como un territorio para a experimentación, a descuberta e a reflexión”. Así, a programación combinará as seccións Oficial, Descubertas e GZ_00, as Escolas de Cinema Galegas e Internacionais, unha retrospectiva dedicada á ciencia ficción, as Xornadas Cinematográficas e diferentes propostas paralelas que amplían a actividade do festival máis alá das proxeccións.
32 filmes nas seccións Oficial e Descubertas

As seccións Oficial e Descubertas reunirán 32 curtametraxes, cunha escolma que conecta cinematografías de Europa, Asia, América e Oceanía e ofrece unha panorámica das diferentes formas que adopta hoxe o cinema en formato curto.
A Sección Descubertas abrirá a competición o domingo 6 de setembro con catro propostas especialmente vinculadas á experimentación formal e narrativa: Opera, de Igor Zelić; Merrimundi, de Niles Atallah; Tamashi, de Ashima Shiraishi e Jess X. Snow; e O Rio de Janeiro continua lindo, de Felipe Casanova. A percepción, a tecnoloxía, o corpo, a memoria e a resistencia política atravesan unha selección que explora outras posibilidades da linguaxe cinematográfica.
Pola súa banda, a Sección Oficial reunirá 28 películas en seis programas competitivos, que se proxectarán entre o luns 7 e o sábado 12, con sesións ás 19:00 e ás 21:30 horas. A selección percorre realidades e sensibilidades moi diversas, con historias sobre os coidados e os vínculos familiares, a guerra e o desprazamento, a memoria, a identidade, a vellez, a precariedade ou as expectativas económicas das novas xeracións.
O cinema galego estará presente na competición internacional con Ángel Suanzes, que presenta Escala un cincuenta mil; David Fidalgo, con Lucus; e Bea Lema, con El cuerpo de Cristo.
A creación galega terá ademais un espazo propio en GZ_00, con cinco propostas que dan conta da diversidade do audiovisual galego contemporáneo: Moon Safari, de Hugo Amoedo Canal; Furada Negra, de Berio Molina; Broom Broom Follar de Sohu; A voz de todas as cousas, de Dani Pérez; e A través, de Juan Lorenzo Loureiro.
As novas xeracións, nas Escolas de Cinema
O FICBueu volverá reservar un espazo ás novas xeracións de cineastas a través das seccións Escolas de Cinema Galegas e Internacionais.
A primeira reunirá cinco traballos procedentes da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo: El columpio, etc., de Silvia Martín; Saír do limbo, de Antón Rodríguez; O muíño non é muíño, de Alberto Abal e Sabela Nóvoa Gómez; Todo se limpia, de Naiara Vila Canle; e O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez. Cinco miradas emerxentes que se achegan á memoria, á tradición e á cultura galegas, pero tamén á migración, ao paso do tempo ou á relación co mar.
Pola súa banda, Escolas de Cinema Internacionais achegará catro propostas realizadas desde centros de formación de Rusia, Cataluña, Polonia e Suíza: Crumb, de Elena Kulesh; Per Bruixa i Metzinera, de Marc Camardons; Qaher, de Nada Khalifa; e Always Wanted to be God, Never Wanted to do Good, de Noa Epars e Marvin Merkel. O dereito ao amor e á liberdade, as crenzas e a tradición, a identidade palestina ou a presenza da relixión no espazo público son algunhas das cuestións que percorren esta selección.
La Jetée abre unha edición que mira á ciencia ficción
A inauguración servirá para introducir outro dos grandes eixos desta edición. O festival abrirá coa proxección de La Jetée (1962), de Chris Marker, unha das obras máis influentes da ciencia ficción experimental e un filme fundamental para comprender a capacidade da curtametraxe para transformar a linguaxe cinematográfica.
Construída practicamente na súa totalidade mediante fotografías fixas, a película de Marker converte a memoria, o tempo e a propia natureza das imaxes no centro dunha historia ambientada nun futuro posterior á Terceira Guerra Mundial.
A sesión inaugural estará precedida pola actuación de Chus Pazos Ensemble. O batería galego estará acompañado por Álex Touceda ao contrabaixo e Dani Font á guitarra, cun repertorio que combinará composicións propias e estándares do jazz americano.
A elección de La Jetée anticipa a Retrospectiva da 19ª edición do festival, dedicada á relación entre a ciencia ficción e a curtametraxe. O programa percorrerá máis dun século de historia para reivindicar o formato curto como laboratorio no que sucesivas xeracións de cineastas experimentaron con novas formas, tecnoloxías e relatos, contribuíndo á propia evolución do xénero.
A retrospectiva terá continuidade nunha nova entrega dos Cadernos FICBUEU, asinada pola investigadora e cineasta Irene de Lucas Ramón, doutora en Comunicación Audiovisual e especialista na historia do cinema e nas súas figuras pioneiras.
Pensar os límites do cinema
O espazo para a reflexión chegará a través das Xornadas Cinematográficas, que nesta edición parten dunha gran pregunta: onde están os límites do cinema? Catro eixos abordarán os límites éticos e políticos da representación, a autocensura, as fronteiras entre creación e industria e a posible homoxeneización cultural do audiovisual contemporáneo.
As conversas reunirán voces como Oriol Erausquin, Layla Martínez, Ricci Galiano, Antonio José Navarro, Jara Yáñez, Álvaro Peña, Yago Paris, Ariadna Cordal e Pepa Llausás, con debates que irán desde a representación de Palestina ou da extrema dereita ata a cultura da cancelación, as presións do mercado e os modelos narrativos dominantes.
Como culminación das xornadas proxectarase Les Rendez-vous d’Anna (1978), de Chantal Akerman, unha obra que desafía as formas narrativas tradicionais a través dunha proposta minimalista e inmersiva, marcada polos planos longos, a observación do cotián e a distancia emocional da súa protagonista.
O FICBueu chega tamén a Filmin

Neste 2026, o certame edición amplía ademais a súa presenza fóra das salas coa creación dunha canle propia do FICBueu en Filmin, dentro da programación especial que a plataforma dedica aos festivais de cinema.
A canle, dispoñible entre o 24 de agosto e o 13 de setembro, reúne oito curtametraxes internacionais que pasaron por diferentes edicións do certame.
Segundo se fixo saber na presentación da nova edición, a escolma “funciona como unha mostra da identidade e da liña de programación desenvolvida polo FICBueu nos últimos anos” e permite achegar o seu traballo de programación e curadoría a novos públicos máis alá da celebración presencial do festival.
O Festival Internacional de Cine de Bueu é un evento organizado pola Asociación FICBUEU que conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).
Cifras a destacar
- Proxectaranse 78 filmes durante todo o festival
- 41 estreas en Galicia
- 19 estreas estatais
- 2 estreas internacionais
- 28 países representados

