
Sonos presenta a Beam Ultra, unha nova barra de son que mantén o formato compacto da Beam pero incorpora unha arquitectura acústica renovada para ofrecer maior amplitude e inmersión e chegará ao mercado o 29 de setembro a un prezo de 699 euros. O trebello integra nove altofalantes, incluídos novos transdutores frontais e unidades orientadas cara arriba, que permiten reproducir unha configuración 7.1.2 con canles de altura físicas.
A nova arquitectura busca ampliar o campo sonoro máis alá das dimensións da propia barra. Os altofalantes frontais encárganse das canles esquerda, dereita e central, mentres que os orientados cara arriba achegan a dimensión vertical necesaria para a reprodución de Dolby Atmos. Para aproveitar esta tecnoloxía é necesario contar con contido codificado en Dolby Atmos e unha conexión HDMI eARC compatible.
A Beam Ultra tamén introduce melloras específicas para a reprodución de diálogos. O novo deseño do canle central está orientado a ofrecer maior nitidez nas voces, mentres que a función de mellora da voz mediante intelixencia artificial permite seleccionar entre catro niveis de intensidade.
O deseño conserva as liñas da Beam de segunda xeración, aínda que a nova versión é algo máis baixa e 99,1 milímetros máis ancha. A maior anchura permite albergar a nova arquitectura acústica, mentres que unha grella situada na parte superior dá cabida aos altofalantes orientados cara arriba. A disposición está pensada para evitar que a barra obstaculice a pantalla do televisor ou o receptor do mando a distancia, tanto colocada nun moble como instalada na parede.
A conectividade tamén recibe novas funcións. Beam Ultra incorpora Bluetooth e entrada de liña, ausentes na Beam de segunda xeración, e permite conectarse mediante Wi-Fi de 6 GHz con diferentes configuracións de cine en casa.
A barra pode funcionar de maneira independente, pero tamén admite a integración con outros produtos Sonos. É posible engadir altofalantes Era 100 ou Era 300 como canles traseiras e un subwoofer Sub 4 para reforzar as frecuencias graves. Tamén se pode incorporar a un sistema multiroom para reproducir contido sincronizado en distintas estancias.
Outra das posibilidades é enviar o audio do televisor desde Beam Ultra ata dous pares de auriculares Sonos mediante Wi-Fi. A función permite alternar entre a reprodución na barra e nos auriculares, unha opción especialmente pensada para situacións nas que se necesita illamento acústico. Co Sonos Ace Ultra tamén é posible empregar Dolby Atmos e TrueCinema para crear unha experiencia de cine virtual nos auriculares.
Beam Ultra incorpora ademais un axuste rápido con Trueplay para adaptar a reprodución ás características acústicas do lugar no que se instala. Sonos tamén sinala unha redución do 25 % no consumo enerxético en repouso respecto da Beam de segunda xeración.
A Beam Ultra sitúase así por riba da Beam de segunda xeración en capacidade acústica, conectividade e posibilidades de configuración, achegando ao formato compacto elementos que xa estaban presentes na gama superior Arc Ultra.

