
Acer amplía a súa gama de dispositivos para xogos portátiles co Predator Atlas 7, un equipo baseado en Windows 11 que busca ofrecer un rendemento elevado nun formato máis compacto, está previsto que chegue ao mercado no mes de novembro e incluirá dous meses de Xbox Game Pass Premium e dous meses de PC Game Pass, facilitando o acceso a un amplo catálogo de xogos desde o momento do primeiro uso.
O Acer Predator Atlas 7 pode equipar un procesador Intel Arc G3 Extreme ou Intel Arc G3, acompañado de gráficos Intel Arc B390 ou B370. A configuración de memoria alcanza os 24 GB de LPDDR5x a 7467 MT/s, mentres que o almacenamento pode chegar a 1 TB mediante unha unidade SSD NVMe PCIe 4.0 instalada nunha única ranura M.2 2280.

A pantalla IPS de 7 polgadas ofrece resolución Full HD (1920 x 1080), relación de aspecto 16:9, cobertura do 100 % do espazo sRGB e do 75 % de Adobe. O panel funciona a 120 Hz e admite frecuencia de actualización variable (VRR), cun brillo máximo de 500 nits. Está protexido por Gorilla Glass Victus con tratamento DXC para reducir os reflexos e mellorar a resistencia aos arañazos, ademais de incluír un protector de vidro temperado.
O sistema de refrixeración combina dous ventiladores, un deles metálico Predator AeroBlade de 89 aspas e apenas 0,1 mm de grosor. Acer sinala que este ventilador pode incrementar ata un 10 % o fluxo de aire. O segundo ventilador, fabricado en plástico, traballa xunto cun deseño Vortex Flow que utiliza canles internas anguladas para facilitar a expulsión da calor durante sesións prolongadas.
Terá unha batería de ata 80 Wh, aínda que tamén haberá unha configuración de 60 Wh. O peso sitúase por debaixo dos 750 gramos no modelo con batería de 80 Wh e dos 700 gramos no equipado coa de 60 Wh. As dimensións son de 292 x 112,7-123 x 28,5-48,4 mm.

Os controis incorporan dous joysticks de tamaño completo, botóns A, B, X e Y, cruceta, gatillos analóxicos L2 e R2 con tecnoloxía Hall e botóns adicionais L/R configurables. Acer tamén ofrecerá unha opción con joysticks TMR (tunneling magnetoresistance), orientados a conseguir maior precisión e resistencia ao drift, sen zonas mortas. O deseño inclúe empuñaduras contorneadas, unha superficie de apoio para as palmas máis ampla e zonas con textura antiescorregadiza.
O botón de acendido integra un lector de pegadas dixitais compatible con Windows Hello, mentres que un botón dedicado permite acceder a PredatorSense. A aplicación ofrece monitorización do sistema en tempo real, selección de modos de rendemento, configuración da iluminación RGB e diferentes axustes para os xogos.
A conectividade inclúe dous portos Thunderbolt 4, lector de tarxetas microSD UHS-II compatible con SD 4.0 e con tarxetas SD, SDHC, SDXC e SDUC, ademais dun conector combinado de 3,5 mm. Para conexións sen fíos dispón de Intel Killer Wi-Fi 7 e Bluetooth 5.4.
Conta con dous altofalantes de 2 watts, dous micrófonos integrados e soporte para DTS Virtual:X Ultra e Hi-Res Audio. Acer PurifiedVoice emprega redución de ruído asistida por IA para mellorar a claridade das comunicacións de voz durante as partidas.

