
Huawei presentou o Watch D3, a nova xeración do seu reloxo intelixente orientado á monitorización da saúde, que introduce un deseño máis fino, unha pantalla AMOLED de maior tamaño e un sistema avanzado para medir a tensión arterial.
O dispositivo ten un grosor de 11,3 milímetros e pesa 40 gramos sen correa, fronte aos 13,3 milímetros do anterior Watch D2. Inclúe coroa rotatoria, botón de función e botón dedicado a electrocardiogramas (ECG).
A pantalla é unha AMOLED LTPO en cor de 1,92 polgadas, con resolución de 408 × 480 píxeles, densidade de 328 ppp e un brillo máximo de 3000 nits. As correas combinan HNBR e coiro composto, con tamaños para pulsos de entre 130 e 210 milímetros.

A principal característica do Huawei Watch D3 é a monitorización da tensión arterial mediante un sistema oscilométrico que combina un airbag mecánico integrado na correa cun sensor de presión de alta precisión. O sistema, integrado coa plataforma TruSense, permite realizar medicións automáticas durante as 24 horas do día e rexistrar valores de presión sistólica e diastólica, así como a frecuencia cardíaca.

O reloxo está certificado como dispositivo médico segundo a normativa europea CE-MDR. Tamén incorpora análise de arritmias mediante o sensor PPG e un electrocardiograma que xera un informe tras 30 segundos de contacto co electrodo lateral. A función Health Glance reúne once indicadores de saúde, mentres que Sleep Health e Emotional Wellbeing amplían as funcións de seguimento do sono e do benestar.

A monitorización pode continuar durante o sono e o dispositivo pode emitir avisos ante cambios ambientais, como variacións bruscas de temperatura ou altitude. Tamén pode recomendar pospoñer exercicios intensos cando detecta valores elevados de tensión arterial.

O Watch D3 incorpora máis de cen modos deportivos, entre eles golf, deportes de inverno e trail running. O modo Mini-Workout ofrece exercicios breves e existe ademais un modo adaptado a usuarios en cadeira de rodas.
A autonomía máxima anunciada é de seis días en uso típico, aínda que coa monitorización ambulatoria da tensión arterial activada redúcese ata aproximadamente un día. A carga é sen fíos mediante o cargador SuperCharger con conexión USB-C e require uns 75 minutos para completarse.

Entre as funcións adicionais figuran NFC para pagos sen contacto (dependendo da dispoñibilidade do servizo en cada país), chamadas Bluetooth mediante o micrófono e altofalante integrados e Family Health, que permite compartir con familiares información sobre tensión arterial, frecuencia cardíaca, pasos, sono e outros indicadores.
O reloxo é compatible con dispositivos Android con versión 8.0 ou posterior e con iPhone a partir de iOS 13. Inclúe acelerómetro, xiroscopio, magnetómetro, sensor óptico de frecuencia cardíaca, ECG, sensor de luz ambiental, barómetro, sensor de temperatura, sensor de presión diferencial e sensor Hall.
O Huawei Watch D3 chegará en breve ao noso mercado (se atendemos ao lanzamento británico, chegaría o vindeiro día 23), pero xa coñecemos o seu prezo, xa que saíu á venda en Alemaña por 449 euros, o que supón un incremento de 100 euros fronte ao modelo actual (que hai un par de anos custaba 399 euros).

