
O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBueu) inaugurou hoxe a súa XIX edición, que ata o 19 de setembro volverá situar a curtametraxe no centro da creación, a investigación e o pensamento cinematográfico. O certame arrancou unha programación integrada por 78 filmes procedentes de 28 países, entre os que se contabilizan 41 estreas en Galicia, 19 estreas estatais e dúas internacionais.
A sesión inaugural serviu ademais para presentar unha das principais liñas temáticas desta edición: a relación entre a ciencia ficción e a curtametraxe ao longo da historia do cinema.
O festival arrincou coa proxección de La Jetée (1962), de Chris Marker, en palabras da organización do certame “unha obra fundamental da ciencia ficción experimental e punto de partida da Retrospectiva que o domingo percorrerá máis de 130 anos de evolución do xénero a través do formato curto”.
Esta mirada histórica ten continuidade no sétimo volume dos Cadernos FICBueu, escrito pola investigadora e cineasta Irene de Lucas Ramón, que será presentado o domingo pola mañá. A publicación analiza o papel que a curtametraxe desempeñou na evolución da ciencia ficción e afonda nas obras, autores e contextos que conforman a Retrospectiva desta edición.
Na apertura desta noite, o codirector do festival, Manuel Pena, incidiu precisamente nesta vontade do FICBueu de utilizar o cinema tamén como ferramenta para pensar o presente e imaxinar o futuro, antes de dar paso a Irene de Lucas, autora do Caderno, para presentar La Jetée.
O Festival Internacional de Cine de Bueu é un evento organizado pola Asociación FICBueu que conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).
Programa (32 curtas)
As seccións Oficial e Descubertas reunirán 32 curtametraxes, cunha escolma que conecta cinematografías de Europa, Asia, América e Oceanía e ofrece unha panorámica das diferentes formas que adopta hoxe o cinema en formato curto.
A Sección Descubertas abrirá a competición o domingo 6 de setembro con catro propostas especialmente vinculadas á experimentación formal e narrativa: Opera, de Igor Zelić; Merrimundi, de Niles Atallah; Tamashi, de Ashima Shiraishi e Jess X. Snow; e O Rio de Janeiro continua lindo, de Felipe Casanova. A percepción, a tecnoloxía, o corpo, a memoria e a resistencia política atravesan unha selección que explora outras posibilidades da linguaxe cinematográfica.
Pola súa banda, a Sección Oficial reunirá 28 películas en seis programas competitivos, que se proxectarán entre o luns 7 e o sábado 12, con sesións ás 19:00 e ás 21:30 horas. A selección percorre realidades e sensibilidades moi diversas, con historias sobre os coidados e os vínculos familiares, a guerra e o desprazamento, a memoria, a identidade, a vellez, a precariedade ou as expectativas económicas das novas xeracións.
O cinema galego estará presente na competición internacional con Ángel Suanzes, que presenta Escala un cincuenta mil; David Fidalgo, con Lucus; e Bea Lema, con El cuerpo de Cristo.
A creación galega terá ademais un espazo propio en GZ_00, con cinco propostas que dan conta da diversidade do audiovisual galego contemporáneo: Moon Safari, de Hugo Amoedo Canal; Furada Negra, de Berio Molina; Broom Broom Follar de Sohu; A voz de todas as cousas, de Dani Pérez; e A través, de Juan Lorenzo Loureiro.
As novas xeracións, nas Escolas de Cinema
O FICBueu volverá reservar un espazo ás novas xeracións de cineastas a través das seccións Escolas de Cinema Galegas e Internacionais.
A primeira reunirá cinco traballos procedentes da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo: El columpio, etc., de Silvia Martín; Saír do limbo, de Antón Rodríguez; O muíño non é muíño, de Alberto Abal e Sabela Nóvoa Gómez; Todo se limpia, de Naiara Vila Canle; e O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez. Cinco miradas emerxentes que se achegan á memoria, á tradición e á cultura galegas, pero tamén á migración, ao paso do tempo ou á relación co mar.
Pola súa banda, Escolas de Cinema Internacionais achegará catro propostas realizadas desde centros de formación de Rusia, Cataluña, Polonia e Suíza: Crumb, de Elena Kulesh; Per Bruixa i Metzinera, de Marc Camardons; Qaher, de Nada Khalifa; e Always Wanted to be God, Never Wanted to do Good, de Noa Epars e Marvin Merkel. O dereito ao amor e á liberdade, as crenzas e a tradición, a identidade palestina ou a presenza da relixión no espazo público son algunhas das cuestións que percorren esta selección.

