
Huawei presentou en China o Huawei Mate XT 2, o seu terceiro teléfono tríptico, cun deseño que se afasta do empregado polos seus predecesores e que lembra ao Galaxy Z TriFold de Samsung. O novo smartphone dobra os dous extremos da pantalla flexible cara ao interior, de maneira que esta queda máis protexida cando o teléfono está pechado.
O primeiro Mate XT, presentado en China a finais de 2024 e posteriormente levado a outros mercados, apostaba por un sistema de encarte en forma de acordeón. Esta configuración permitía prescindir dunha pantalla exterior adicional, pero tamén deixaba parte da pantalla flexible exposta de maneira permanente. O segundo modelo mantivo este enfoque, mentres que o Mate XT 2 adopta agora un sistema no que os dous lados da pantalla de 10,2 polgadas se pregan cara ao interior.
O dispositivo conta cunha pantalla OLED exterior de 6,5 polgadas, con resolución de 2442 x 1140 píxeles e frecuencia de actualización adaptativa de entre 1 e 120 Hz. Ao despregalo, a superficie útil aumenta ata as 10,2 polgadas, cun panel OLED flexible de 2232 x 3184 píxeles, vidro ultrafino UTG e frecuencia de actualización de ata 120 Hz (90 Hz nalgunhas versións).
A principal novidade está na pantalla OLED con función de privacidade, unha tecnoloxía similar á incorporada por Samsung no Galaxy S26 Ultra. Ao activala, determinados píxeles emiten luz nun ángulo máis reducido, polo que a pantalla aparece case negra cando se observa desde os laterais, mentres que continúa sendo visible para quen a mira de fronte.
Esta función é opcional e só está dispoñible na configuración con 16 GB de memoria RAM e 1 TB de almacenamento, e supón un incremento de prezo de mil iuans (128 euros), quedando o dispositivo nesta configuración tan elevada en 24.999 iuans (3.207 euros), aínda que cómpre salientar que a versión máis modesta (con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento) limita o seu prezo en 19.999 iuans (2.566 euros), deixando claro que os teléfonos neste formato son tan complicados de fabricar como de adquirir (de aí que só haxa 2 compañías que ousan comercializalos, e de xeito moi limitado).

O Huawei Mate XT 2 utiliza o novo Kirin 9050 Pro e funciona con HarmonyOS 7.0, con melloras específicas para a multitarefa e a xestión térmica. Huawei ofrece configuracións con 256 GB, 512 GB ou 1 TB de almacenamento (cunha edición especial que pode chegar aos 2 TB de capacidade e que tería un prezo de 29.999 iuans, que ao cambio serían 3.849 euros), sempre con 16 GB de RAM e sen posibilidade de ampliar a capacidade mediante tarxeta.
As dimensións varían considerablemente segundo a posición do dispositivo. Pechado mide 157,2 milímetros de alto, 77 milímetros de ancho e 12,3 milímetros de grosor, mentres que aberto chega aos 219,2 milímetros de ancho e presenta un grosor de entre 3,5 e 4 milímetros. O peso sitúase en preto dos 299 gramos (304 gramos coa capa protectora da pantalla).

A nivel fotográfica conta con tres cámaras traseiras. O sensor principal é de 50 megapíxeles e dispón de apertura variable e estabilización óptica, acompañado por un ultra gran angular de 40 megapíxeles e un telefoto periscópico de 50 megapíxeles con estabilización óptica. O sistema ofrece zoom óptico de 3,5 aumentos, zoom de calidade óptica de ata 7 aumentos e zoom dixital de ata 100 aumentos. Entre as funcións dispoñibles figuran os modos nocturno, retrato, macro e HDR, ademais de gravación de vídeo en 4K.
As dúas pantallas incorporan unha cámara frontal de 8 megapíxeles, tamén capaz de gravar vídeo en 4K. A batería alcanza os 5.600 mAh de capacidade (5.450 mAh nominales), con carga rápida por cable de 66 watts e carga sen fíos de ata 50 watts. Tamén admite carga inversa sen fíos.
A conectividade inclúe Wi-Fi de última xeración, Bluetooth 6.0, NFC, USB-C 3.1 e eSIM con soporte para varios números. Huawei incorpora ademais comunicación por satélite tanto para chamadas como para mensaxes bidireccionais, cun sistema que permite incluso enviar imaxes comprimidas a través da conexión satelital.

O equipamento complétase con sensores capaces de realizar electrocardiogramas (ECG), funcións de intelixencia artificial aplicadas á fotografía e á creación e xestión de contidos, e ferramentas de multitarefa deseñadas para aproveitar a gran superficie da pantalla interior mediante varias ventás simultáneas.
A resistencia á auga e ao po tamén aumenta respecto dos modelos anteriores, con certificacións IP58 e IP59. Huawei establece ademais recomendacións específicas para o coidado da pantalla flexible e da bisagra, elementos especialmente sensibles nun dispositivo deste tipo.
