
A Deputación de Pontevedra lanzou co inicio do curso O Códice da Liberdade, un videoxogo en galego, castelán e inglés para dispositivos móbiles que permitirá descubrir dun xeito innovador a historia medieval do Castelo de Soutomaior. O xogo, no que se investiron preto de 71.000 euros e foi financiado con fondos NextGenerationEU, está dispoñible nas tendas de Google e Apple.

Con O Códice da Liberdade a Deputación de Pontevedra quixo avanzar na incorporación de novas fórmulas de interpretación e divulgación do patrimonio provincial, “combinando historia, turismo e tecnoloxía para ofrecer unha experiencia capaz de achegar o legado medieval das Rías Baixas aos novos públicos”. Deste xeito, ademais do xogo, a app incorpora a realidade aumentada para atopar obxectos escondidos no castelo de Soutomaior durante a visita dos usuarios ao recinto.

A Deputación salienta tamén que foi “unha aposta pola investigación, a dedución e a toma de decisións”. A persoa xogadora trasládase á Galicia de 1470, nun contexto marcado polas loitas de poder da Baixa Idade Media e no que se sitúa no centro a Pedro Madruga, para asumir o papel dun cronista que deberá recompilar testemuños e documentos, resolver enigmas e recuperar sete reliquias repartidas polo territorio para reconstruír o denominado Códice da Liberdade.

Dende a administración provincial destacan tamén que “o Castelo de Soutomaior ocupa un lugar central na experiencia, recreándose diferentes espazos vinculados á fortaleza como as murallas ou o salón de trono”.

Ademais, a aventura incorpora outros enclaves da provincia como o Castelo de Sobroso, o Mosteiro de Poio, os bosques de Fornelos de Montes, a cidade de Pontevedra ou a fortaleza de Monte Boi en Baiona. “Todos os escenarios forman parte activa da narrativa e das probas que deberá superar o xogador ou xogadora, como descifrar árbores xenealóxicas, reconstruír rutas náuticas ou traballar con manuscritos, convertendo elementos relacionados coa historia e o patrimonio en parte fundamental da experiencia do xogo”, informou a Deputación.

