
StarUP Gaming e a Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada poñen en marcha XOGA Sada, unha nova proposta de ocio gaming e alternativo que terá a súa primeira edición os días 26 e 27 de setembro de 2026.
As xornadas desenvolveranse na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada e estarán centradas nos videoxogos, o xogo libre e a competición. A programación contará con zonas equipadas con setups retro, experiencias de realidade virtual e consolas modernas, ademais das competicións previstas pola organización de grandes xogos de referencia como son Tekken 8, Street Fighter 6, EA Sports FC 27, Smash Bros. Ultimate e Mario Kart World.
XOGA Sada está concibido como un espazo de encontro aberto tanto a xogadores habituais como a persoas que queiran achegarse por primeira vez ao mundo dos videoxogos e outras formas de ocio alternativo. O programa incluirá tamén espazos de xogo libre destinados a facilitar a participación e a interacción entre os asistentes.
A iniciativa nace coa intención de dar continuidade ao evento e ampliar progresivamente a súa programación. Nas vindeiras edicións está previsto incorporar actividades relacionadas coa cultura xaponesa, os xogos de cartas coleccionables e os xogos de mesa, xunto con outras propostas.

