
Logitech vén de pór á venda o MX Keypad, un teclado compacto e personalizable concibido como un centro de control físico para fluxos de traballo de desenvolvemento nos que se combinan diferentes aplicacións, axentes de IA e ferramentas de programación.
O trebello permite configurar calquera tecla para executar accións nunha ou varias aplicacións, desde macros de prompts e refactorización de código ata o lanzamento de comandos. Busca facilitar o traballo simultáneo con ferramentas como GitHub Copilot, Claude Code, Visual Studio Code e IntelliJ IDEA, evitando ter que alternar continuamente entre aplicacións para executar accións habituais.

O MX Keypad chega con complementos específicos para GitHub Copilot e Claude Code, desenvolvidos e probados con participación de programadores. A integración con GitHub foi realizada en colaboración con esta plataforma e permitirá utilizar funcións nativas tanto en Visual Studio Code como na aplicación de GitHub Copilot.
A personalización amplíase mediante o Logi Actions SDK, que permite aos enxeñeiros crear as súas propias integracións. A documentación do SDK está preparada para facilitar tamén o uso de axentes de IA durante o desenvolvemento destes complementos. Logitech sinala que a comunidade xa publicou no Logi Marketplace complementos para Claude Code e OpenAI Codex, con funcións como o seguimento do estado dos axentes ou o control de ferramentas mediante interfaces de liña de comandos directamente desde as teclas.

A colaboración con GitHub tamén se traduce na inclusión de tres meses de GitHub Copilot Pro+, que poden activarse desde Logi Options+ tanto para novos usuarios como para os que xa dispoñan dunha conta compatible.
O MX Keypad está dispoñible en cor grafito e gris pálido a un prezo de 99,99 euros, e podemos velo con un competidor directo aos distintos modelos de Stream Deck que levan anos dominando o mercado, converténdose en case un estándar como panel de control para ordenadores persoais.
