
A Deputación de Ourense impulsa, en colaboración con Executivas de Galicia, a segunda edición de Xerando Redes +45, un programa destinado a favorecer a empregabilidade e as oportunidades profesionais das mulleres maiores de 45 anos da provincia. A iniciativa, financiada pola Deputación de Ourense e totalmente gratuíta para as participantes, está dirixida tanto a mulleres que se atopan en situación de desemprego como a aquelas que buscan unha mellora da súa situación laboral. Un dos eixes temáticos da formación será un eixe tecnolóxico, co foco posto na IA e nas redes sociais.
Segundo os datos manexados pola organización do programa, as mulleres maiores de 45 anos representan na actualidade arredor do 60 % do paro feminino na provincia de Ourense. Seguindo este fío, Xerando Redes +45 pretende contribuír a reverter esta situación mediante ferramentas que permitan ás participantes mellorar as súas competencias, ampliar a súa rede profesional e afrontar con maiores recursos os procesos de procura de emprego ou mellora laboral.
Desde a Deputación sublíñase “a importancia de aproveitar todo o talento dispoñible na provincia” e “evitar que a idade se converta nun factor de exclusión laboral, especialmente nun colectivo que conta cun importante capital de experiencia e coñecemento acumulado”.
Formación e acompañamento durante outubro e novembro
A segunda edición de Xerando Redes +45 desenvolverase durante os meses de outubro e novembro de 2026 a través dun programa integral que combinará formación, acompañamento e creación de redes profesionais.
Entre as accións previstas figura formación práctica para a empregabilidade, con obradoiros presenciais e en liña sobre intelixencia emocional, imaxe persoal nos procesos de selección e elaboración dunha presentación profesional efectiva.O programa incluirá tamén un ciclo de charlas e encontros sobre ámbitos de especial interese para a procura de emprego e o desenvolvemento profesional, como a optimización do currículo, o uso estratéxico das redes sociais e da intelixencia artificial, a educación financeira ou o emprendemento feminino.
Outro dos eixes fundamentais será o networking e a conexión profesional, favorecendo o intercambio entre as participantes, as integrantes de Executivas de Galicia e representantes do tecido empresarial ourensán para compartir experiencias, xerar sinerxías e ampliar as súas redes de contactos.
As participantes estarán acompañadas ao longo das diferentes accións por profesionais e integrantes de Executivas de Galicia, que compartirán a súa experiencia e coñecementos coas mulleres participantes.
