
Prime Video comezará a utilizar intelixencia artificial para facer máis naturais as dobraxes en inglés, adaptando os movementos dos beizos dos actores ao audio das novas voces. A tecnoloxía estrearase en Maxton Hall, a serie alemá de corte romántico que se converteu na produción orixinal internacional máis vista da plataforma.
Dende agora as dúas primeiras tempadas de Maxton Hall ofrecen globalmente dobraxe en inglés con sincronización labial mediante IA. O sistema tamén estará presente na terceira e última tempada, que chegará a Prime Video o 9 de decembro e estará baseada na novela Save Me, publicada por Mona Kasten en 2018.
O desenvolvemento combina técnicas de intelixencia artificial e efectos visuais para modificar os movementos da boca e adaptalos ao diálogo dobrado. Amazon non detallou que ferramentas de IA empregou para desenvolver a tecnoloxía nin o seu funcionamento concreto, aínda que confirmou a intención de levala a máis títulos no futuro.

O proceso parte de dobraxes realizadas por actores humanos e sincroniza os seus diálogos cos movementos labiais que aparecen na pantalla. O obxectivo é reducir a sensación de desaxuste habitual nas producións dobradas e conseguir unha experiencia de visionado máis natural.
«En Prime Video estamos constantemente innovando con novas ferramentas que melloran a experiencia de visionado dos nosos clientes», explicou Raf Soltanovich, vicepresidente de tecnoloxía de Prime Video e Amazon MGM Studios. «Coa sincronización labial estamos creando unha forma máis fluída e inmersiva de gozar do contido global. Para os creadores, facemos máis doado que as súas historias cheguen a unha audiencia máis ampla e global, sempre baixo supervisión creativa para garantir que se preserve a integridade da súa visión artística».
Amazon asegura que seguirá explorando aplicacións prácticas da intelixencia artificial relacionadas coa experiencia de visionado, mantendo os creadores baixo supervisión do proceso creativo. Confiemos en que estas iniciativas non produzan resultados tan desastrosos como cando dobraron series coreanas con IA.

