
Xbox e Kojima Productions ampliaron a súa colaboración para publicar Physint, o novo xogo de acción e espionaxe de Hideo Kojima, considerado como herdeiro espiritual dos Metal Gear Solid, despois de que PlayStation Studios decidise abandonar o proxecto.
O propio Kojima explicou que PlayStation Studios comunicou a mediados de xuño a cancelación da súa colaboración en Physint, un proxecto que considera especialmente importante tanto a nivel persoal como para o seu estudio. Durante os tres meses seguintes, Kojima Productions buscou un novo socio para manter vivo o desenvolvemento e finalmente atopou en Xbox unha compañía coa que, segundo o creador, comparte «unha visión común do futuro».
«Por favor, podedes estar seguros de que o desenvolvemento de Physint, o noso título de acción e espionaxe que pretende definir o xénero, continúa e seguirá avanzando», sinalou Kojima.
O acordo supón unha ampliación da relación entre Xbox e Kojima Productions, que xa traballan xuntas en OD. A colaboración estenderase ademais máis alá dos videoxogos, con proxectos conxuntos no ámbito do cine e da televisión destinados a levar novas historias a un público máis amplo.
A directora xeral de Xbox, Asha Sharma, destacou que Kojima escollese novamente Xbox para desenvolver Physint e afirmou que a súa intención de cuestionar as convencións encaixa coa creatividade que a marca pretende apoiar. Kojima, pola súa parte, apuntou que a nova alianza permitirá ampliar a relación existente arredor de OD mentres traballan para redefinir o xénero da acción e espionaxe.
PlayStation Studios confirmou tamén a súa saída do proxecto, aínda que asegurou que mantén unha boa relación con Kojima Productions. «Despois dunha coidadosa consideración, tomamos a difícil decisión de deixar de colaborar con Kojima Productions no seu proxecto Physint», explicou o estudio, que engadiu que continúa admirando a visión de Kojima e que espera manter a colaboración con el e co seu estudio independente no futuro.
Sobra dicir que a comunidade de xogadores recibiu o comunicado de PlayStation como un simple xeito de quedar ben de cara ao público, mentres que entenden que se trata dunha traizón e unha oportunidade perdida para o que consideran que é a marca, xa que os grandes xogos de Hideo Kojima están fortemente ligados ás plataformas de PlayStation, e deixar de colaborar estreitamente en Physint para deixar que Xbox actúe como socio de publicación é, como mínimo, irresponsable.

