
Favorecer o progreso das TIC desde unha perspectiva de xénero é a finalidade da Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, un proxecto nado no 2019 e que renova a súa colaboración coas Universidades da Coruña e Vigo xunto coa empresa Aldaba.
A renovación desta alianza celebrábase onte, xoves 10 de setembro, no Campus de Ourense, no que o reitor da UDC, Ricardo Cao, e a reitora de Vigo, Carmen García, asinaron o convenio de colaboración por catro anos máis.
Logo da sinatura, Ricardo Cao (reitor da UDC) salientaba o traballo realizado ata o momento no marco desta cátedra, “que representa moi ben o que deben ser as cátedras institucionais, espazos de colaboración real entre universidade e empresa ao servizo da sociedade”. A renovación do convenio celebrada este xoves, afirmou, “é unha aposta polo talento sen barreiras, pola igualdade de oportunidades e por un sistema tecnolóxico e innovador máis diverso e forte”.
Pola súa banda, Carmen García Mateo (reitora da UVigo) subliñou que esta cátedra é “un exemplo de éxito” na cooperación interuniversitaria e co sector empresarial, destacando a necesidade deste tipo de iniciativas “para facer una sociedade cada vez máis xusta e igualitaria”. A reitora sinalou a importancia de que “neste mundo no que aínda hai que proseguir a igualdade entre homes e mulleres, o foco desta cátedra sexa a potenciación das vocacións femininas no mundo das TIC”.
Enrique Fernández, socio-conselleiro Aldaba, afirmou que na súa empresa están “enormemente satisfeitos” co desenvolvemento da cátedra, á que teñen destinado máis de 150.000 euros desde 2019, e adiantou o seu compromiso por “seguir apostando por esta colaboración no futuro”.
Por último, Alma Gómez Rodríguez (directora da cátedra pola UVigo) puxo en valor o traballo feito ao abeiro deste órgano desde a súa posta en marcha e a súa contribución a que “a tecnoloxía sexa cada vez máis de todos e non estea nesgada por un xénero”. E Virginia Mato (directora da cátedra pola UDC) subliñou a importancia desta ligazón entre a universidade e a empresa para contribuír a ter “un sector TIC cada vez máis diverso e plural”.
O obxectivo desta unión é promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario; mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa e fomentar a formación continua, a innovación e a investigación. Os centros de adscrición da cátedra seguirán sendo a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense (na UVigo) e a Facultade de Informática (na UDC). O convenio, que terá unha duración de catro anos, establece que a dotación anual da cátedra será de 20.000 euros, achegados pola empresa Aldaba.
A Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business quere potenciar e enriquecer o progreso das TIC: promocionando unha crecente participación das mulleres no seu desenvolvemento e establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa. Asemade, as liñas de actuación estratéxicas da cátedra continuarán sendo a formación, a investigación e a divulgación. Así, o convenio establece a realización de actividades e proxectos de maneira conxunta nestes eidos de actuación que resulten de interese para as institucións implicadas.
En formación, o convenio asinado este xoves contempla a realización de actividades como un programa de bolsas en prácticas para estudantes ou recentemente titulados e tituladas dos dous centros participantes; e a posta en marcha de actividades formativas, dirixidas a estudantado, que pretenden capacitar, especializar e/ou actualizar as competencias de valor no ámbito TIC empresarial. Tamén inclúe a organización de seminarios ou conferencias relacionadas con prácticas de excelencia tecnolóxica, impartidos por profesionais ou responsables de departamentos TIC de empresas de primeira liña no tecido empresarial galego; a colaboración na proposta de traballos fin de estudos e de titorización de estudantes dende a empresa e axudas a alumnas para a súa asistencia a congresos tecnolóxicos.
Polo que respecta a actividades de investigación e transferencia, o convenio establece desenvolver liñas de investigación conxuntas; cooperación para emprender e desenvolver proxectos de investigación en programas rexionais, nacionais ou europeos; e a posta en contacto das empresas con necesidades innovadoras no ámbito das TIC e grupos de investigación das universidades. En divulgación, cítase a realización de actividades, en colaboración con administracións públicas, para dar a coñecer e facer visible a participación das mulleres no sector das TIC, dirixidas principalmente a estudantes de colexios e institutos; a publicación en redes sociais e medios on-line de temas de interese no ámbito da cátedra e a divulgación das actividades da cátedra a través da páxina web e diferentes medios.
Para rematar, sinalar que o convenio asinado dará continuidade ás actividades desenvolvidas ao longo destes anos pola cátedra.

