
O Concello de Covelo continúa desenvolvendo unha nova edición do Programa CLARA, unha iniciativa destinada a promover a igualdade, previr a violencia de xénero e favorecer o benestar, a autonomía persoal e a participación das mulleres.
O programa conta cun equipo multidisciplinar de profesionais das áreas do dereito, a psicoloxía, as terapias e a igualdade, que ofrecen atención especializada e actividades orientadas a mellorar a calidade de vida das participantes.
Esta iniciativa está financiada pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Como novidade nesta edición, incorpora actividades relacionadas co benestar, a saúde, a nutrición, a sensibilización en igualdade, o apoio á inserción laboral e a redución da fenda dixital mediante o uso de novas ferramentas tecnolóxicas.
Neste marco, o Concello de Covelo organiza a actividade A intelixencia artificial tamén é para ti, unha formación pensada para achegar a intelixencia artificial á cidadanía dun xeito sinxelo, práctico e seguro.
A actividade terá lugar os días 14 e 15 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Covelo.
Non será necesario contar con coñecementos previos de tecnoloxía. Ao longo das sesións, as persoas participantes aprenderán, paso a paso: que é a intelixencia artificial e para que pode ser útil, como utilizar ferramentas como ChatGPT e NotebookLM, como formular instrucións claras para obter respostas útiles, como empregar NotebookLM para estudar, investigar e traballar con documentos, como comprender cartas, textos e información complexa, como redactar mensaxes e realizar traducións, como preparar ou mellorar un currículo, como analizar ofertas de emprego, como promocionar produtos, negocios e iniciativas do rural, como organizar gastos, compras e tarefas cotiás, como protexer a privacidade no uso destas ferramentas e como detectar erros, información inventada e posibles nesgos, tamén de xénero.
A formación “estará baseada en situacións reais da vida cotiá, do emprego, do estudo e da investigación, sempre promovendo o criterio propio e a revisión humana da información”, informou o Concello, engadindo que as persoas participantes deberán acudir co seu teléfono móbil e con ganas de aprender e descubrir novas ferramentas que poden contribuír a facilitar tarefas e abrir novas oportunidades.
Desde o Concello de Covelo saliéntase que o acceso ao coñecemento e á formación tecnolóxica é tamén unha vía para reforzar a autonomía persoal, a seguridade e a igualdade de oportunidades.
“Aprender a utilizar a tecnoloxía de maneira crítica, segura e práctica permite que máis persoas poidan aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas ferramentas dixitais, tanto no ámbito persoal como profesional”, sinalan desde o Concello.
Ademais das actividades formativas, o Programa CLARA mantén o servizo de atención xurídica e psicolóxica gratuíta, dirixido a mulleres e ás persoas ao seu cargo, garantindo en todo momento a confidencialidade, a privacidade e a gratuidade da atención
O servizo préstase todos os xoves, de 9:00 a 15:00 horas, mediante cita previa. As citas poden solicitarse nos teléfonos e WhatsApp: e 606 118 853 e 687 227 495.

