
O vindeiro xoves 17 de setembro vai celebrarse en Burela un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. Será a partir das 19:00 horas. A asistencia ao acto é libre e gratuíta.
O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela (rúa de Eijo Garay, 20).
O obxectivo do Colexio é “facilitar que a poboación desta localidade da Mariña de Lugo poida ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas”.
O taller de Burela será unha parada máis na Mariña desta experiencia que leva a loita contra a desinformación a unha vintena de localidades lucenses. Neste marco, na tarde do pasado xoves 10 desenvolveuse tamén na Mariña de Lugo, concretamente no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro, outro obradoiro no que a poboación desta localidade puido desfrutar dunha formación dirixida a fornecer de ferramentas e estratexias para distinguir a verdadeira información das noticias falsas e loias e converterse nun actor máis da loita contra estas últimas e o dano que fan na nosa sociedade.
Ambos os dous obradoiros están a cargo pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas.
Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación

O Colexio de Xornalistas lembra que os obradoiros encádranse na “actual crise sen precedentes” que está a sufrir a profesión por mor da proliferación de informacións falsas, un proceso que tamén afecta (negativamente) á calidade democrática da sociedade, por non contar os cidadáns con ferramentas que lles permitan defenderse das loiadas. Seguindo este fío, a campaña do Colexio busca “combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas”.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

