
O Consello da Xunta a incorporación dunha nova funcionalidade dixital na aplicación SERGAS Móbil, co obxectivo de que os usuarios do Servizo Galego de Saúde poidan consultar información económica sobre a asistencia sanitaria.
Deste xeito e logo de accederen ao perfil persoal na ferramenta, os usuarios deberán premer na icona do Portal do Paciente É-saúde, para de seguido pinchar no apartado Valoración económica da miña atención sanitaria. Neste espazo, a cidadanía galega poderá visualizar a súa información económico-sanitaria que se presentará desagregada en catro grandes grupos, segundo o servizo ao que pertenza a asistencia prestada.
En concreto, a poboación poderá atopar información detallada sobre o valor da súa actividade nos servizos de atención primaria galegos, como é o caso das consultas médicas, de enfermería, das extraccións de sangue ou doutros servizos asistenciais recibidos no centro de saúde.
Amais, terá a opción de consultar o importe dos actos sanitarios rexistrados en atención especializada, tales como consultas, probas diagnósticas, tratamentos e outros procedementos ambulatorios.
En terceiro lugar, a nova funcionalidade abordará o valor da asistencia recibida nos servizos de urxencias hospitalarias e nos puntos de atención Continuada (PAC).
A maiores, tamén haberá un apartado co detalle dos medicamentos e produtos dispensados nas oficinas de farmacia galegas, presentando os seus prezos de venda ao público, a achega realizada polo paciente ou o custo asumido polo Servizo Galego de Saúde.
A Xunta explicou que “esta iniciativa ten carácter exclusivamente informativo e insírese na estratexia de transparencia do Goberno galego”.
Engadiu que o departamento sanitario da Xunta ten previsto ampliar progresivamente, durante o próximo trimestre, a información vencellada a outros ámbitos asistenciais, tales como os importes por hospitalización, a hospitalización a domicilio (HADO), farmacia hospitalaria, próteses, terapias respiratorias ou transporte sanitario non urxente, entre outros.
Na actualidade, a aplicación SERGAS Móbil xa está a ser empregada por máis de 2,3 millóns de galegos. Con todo, para dispoñer desta nova funcionalidade será preciso contar e/ou solicitar a modalidade de acceso de seguridade alta (mediante Certificado dixital ou Chave 365).

