
No marco do programa Vigo, cidade amiga das persoas maiores, o Goberno municipal de Vigo ofrece formación no uso das novas tecnoloxías “co obxectivo de que as persoas maiores poidan realizar de forma autónoma xestións administrativas e cotiás básicas” e relacionarse coas súas familias e amizades, tal e como explicou o alcalde, Abel Caballero.
O rexedor deu conta este luns do inicio dos cursos de competencias dixitais para maiores de 65 anos que se impartirán nos centros cívicos e serán completamente gratuítos con aprendizaxe 100% práctica.
Accións como pedir cita médica, consultar o historial clínico, xestións básicas co Concello, videochamadas… serán algunhas das aprendizaxes 100% prácticas do alumnado, que empregará teléfonos móbiles, smartphones e ordenadores.
Os cursos, pensados para persoas empadroadas en Vigo, son completamente gratuítos e terán 3 meses de duración. Van impartirse en varios centros cívicos: Teis, Coruxo, Bouzas, Centro de formación da Rúa Alta e Centro Cívico do Casco Vello.
A inscrición pode facerse no teléfono municipal de información 010 ou nos propios centros cívicos.

