
As instalacións do espazo colaborativo A Proa, emprazadas no Milladoiro (Ames), acolleron hoxe dúas actividades encadradas na iniciativa Rede Coworking Fest 2026, unha exhaustiva celebración que se desenvolve ata o 20 de setembro nos 11 espazos de traballo que integran a Rede Provincial de Coworking da Deputación da Coruña e que acollerán máis de 100 horas de actividades gratuítas.
O obxectivo desta semana é dar a coñecer os espazos de traballo da provincia, ademais de ofrecer a oportunidade de participar en diferentes formacións, obradoiros, conferencias e eventos destinados a potenciar a colaboración e a aprendizaxe entre profesionais de distintos sectores.

A concelleira de Promoción Económica e Innovación de Ames, Ana Belén Paz, sinalou que “mediante destas actividades trátase de impulsar a creación de colaboración entre emprendedores, freelancers e pequenas empresas do noso concello”. Ao devandito, dixo, “engádese o noso interese en dar a coñecer a importancia e as posibilidades de futuro que ofrecen os espazos de coworking como impulsores da economía local así como de creación de redes de traballo compartido”.
Actividades no espazo colaborativo A Proa

A Proa acolleu esta mañá dous relatorios arredor da supercomputación e da intelixencia artificial, impartidas polos Centros de Supercomputación de Castela e León (SCAYLE) e Galicia (CESGA).
A primeira charla da mañá foi SCAYLE: Impulsa a transformación dixital da túa empresa. Nela, a responsable de comunicación do Centro de Supercomputación de Castela e León, Ruth Alonso, explicou as dinámicas de traballo do SCAYLE, así como as nocións básicas da supercomputación. Este centro sitúase na lista Top 500, unha clasificación semestral que clasifica ás supercomputadoras máis potentes do planeta.
Durante a súa palestra, Alonso tamén mostrou ao público os proxectos nos que traballa SCAYLE, entre os que destacan OPENCAYLE, unha plataforma de servizos para o almacenamento masivo, publicación e tratamento de datos científicos; BIOSCAYLE, un proxecto arredor da biomedicina; QuaSAR_Lab, unha plataforma para a experimentación a formación e a validación tecnolóxica; e IA [LLMs], arredor da intelixencia artificial.

Tras esta intervención, comezou o relatorio Evolución de OneHealth DataSpace: Introdución á factoría de IA 1HealthAI, impartido polo Centro de Supercomputación de Galicia, o CESGA. A encargada de dirixir esta charla foi a coordinadora do proxecto 1HealthAI Factory, María José Malmierca.
A Factoría 1HealthAI é un servizo de computación, formación e soporte liderada polo CESGA en colaboración co CSIC. Esta é a segunda factoría de intelixencia artificial de España e está situada no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela, onde se aloxa un superordenador específico para intelixencia artificial experimental.
Este proxecto ten como obxectivo desenvolver intelixencia artificial segura e de confianza enfocada no concepto One Health, que abrangue a saúde humana, ambiental e animal. Isto é unha realidade mediante unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para intelixencia artificial experimental, prestando servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.

