
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos das universidades de Santiago e Vigo. Esta distinción valora “as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvolvidas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas”. A entrega dos galardóns celebrarase durante o acto do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro en Santiago.
- Mabel Loza descubriu 17 novos medicamentos, entre eles un fármaco oral para a COVID-19
- Sebastian Villasante estuda nas rías galegas o impacto socioeconómico do cambio climático
- Leandro Alejano traballa para mellorar a seguridade das explotacións mineiras
- Rosa Crujeiras, impulsora da transferencia da investigación matemática á industria
- Francisco Rivadulla, experto no deseño de novos materiais para a conversión de enerxía
Mabel Loza descubriu 17 novos medicamentos, entre eles un fármaco oral para a COVID-19

Mabel Loza García (Tapia de Casariego, 1961) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC “pola súa extraordinaria contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos no sector”.
É catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Tralo seu paso polo Mount Sinai Medical Center de Nova York), a partir de 1998 orientou a súa traxectoria científica cara á farmacoloxía aplicada ao descubrimento de fármacos. Ten liderado un centenar de proxectos e promovido máis de 60 contratos de colaboración público‑privada coa industria farmacéutica e biotecnolóxica. Deste esforzo derívanse 17 novos medicamentos que alcanzaron ensaios clínicos con pacientes, incluído o reposicionamento recente dun fármaco oral para o tratamento da COVID‑19. Entre 2020 e 2025 o seu grupo captou un financiamento superior aos 17 millóns de euros. A súa produción inclúe 19 patentes e a cofundación de catro empresas biotecnolóxicas.
Sebastian Villasante estuda nas rías galegas o impacto socioeconómico do cambio climático

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais (Política, Socioloxía e Psicoloxía Social), recoñece a Sebastian Villasante Larramendi (Bos Aires, 1979), profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais), “por converter a Galicia nun referente internacional no estudo da economía dos océanos e a sustentabilidade mariña”.
Sebastián impulsou unha área de investigación pioneira, demostrando que os desafíos ambientais globais -como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a inseguridade alimentaria- non poden comprenderse nin resolverse sen incorporar as dimensións económicas, sociais e institucionais que condicionan o acceso aos recursos mariños. Así, as rías galegas e as comunidades pesqueiras locais sérvenlle como escenario para analizar os impactos socioeconómicos do cambio climático, a vulnerabilidade costeira e os procesos de transformación sostible das economías mariñas. Os seus estudos están a servir de base para analizar a resiliencia de zonas costeiras na UE, e para a toma de decisións na creación de áreas mariñas protexidas máis efectivas desde o punto de vista ambiental e socioeconómico.
Leandro Alejano traballa para mellorar a seguridade das explotacións mineiras

Leandro Alejano Monge (Madrid, 1967), catedrático de Mecánica das Rochas na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, recibe a medalla Isidro Parga Pondal de Ciencias Técnicas por ser “unha das figuras máis destacadas da enxeñaría de minas e da mecánica de rochas tanto no contexto estatal como internacional”.
A RAGC salienta que “as súas investigacións teñen impulsado de xeito relevante a seguridade en enxeñaría mineira e civil, así como a eficiencia e a sustentabilidade no sector da industria extractiva.
Na UVigo liderou a creación do Laboratorio de Mecánica de Rochas “John Harrison”, recoñecido como un referente internacional. En 2007 propuxo unha metodoloxía para o control de desprendementos de rocha en canteiras que foi adoptado por empresas de varios países co fin de mellorar a seguridade das explotacións. Nesta liña, ten participado na análise e resolución de problemas específicos no ámbito da comunidade galega, como o caso dos desprendementos en ladeiras graníticas tras incendios. Tamén colaborou co CSIC na comprensión do proceso extractivo do ouro utilizado polos romanos nas Medulas hai 2000 anos.
Rosa Crujeiras, impulsora da transferencia da investigación matemática á industria

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, recaeu na catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago Rosa Crujeiras Casais (Ribeira, 1978), actual reitora da USC, “pola súa traxectoria investigadora con contribucións de referencia internacional no campo da Estatística e cuxo traballo deu lugar a importantes avances metodolóxicos”.
Nos últimos anos, Crujeiras liderou proxectos competitivos de investigación, tanto no marco do Plan Nacional de I+D+i como impulsando unha destacada actividade de transferencia de coñecemento mediante contratos con empresas e colaboracións con administracións públicas (en particular coa Xunta a través de estudos de inserción laboral e turismo). Destaca así mesmo no desenvolvemento de ferramentas de software amplamente utilizadas pola comunidade investigadora. Tamén se recoñece o seu labor como directora científica do CITMAga desde 2021 (centro de referencia en matemáticas no ámbito estatal e internacional que aglutina a máis de 100 investigadoras das tres universidades galegas), contribuíndo de forma decisiva á súa creación e consolidación. Por outro lado, a RAGC valora o seu papel fundamental na difusión e divulgación da cultura científica, xunto á promoción da muller no eido das matemáticas -foi membro da Comisión de Mujeres e Matemáticas da Real Sociedad Matemática Española-.
Francisco Rivadulla, experto no deseño de novos materiais para a conversión de enerxía

A medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía recaeu en Francisco Rivadulla Fernández (A Pobra, 1973), catedrático de Química Física da Universidade de Santiago e investigador do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-, onde está á fronte do Laboratorio de Química da Materia Condensada.
A Academia recoñece “o seu xeito orixinal de abordar a investigación no campo dos materiais, deseñando materiais funcionais dende unha aproximación global, que implica a súa síntese a escala nanométrica e a súa caracterización estrutural, magnética e de transporte, mediante técnicas non convencionais concibidas no propio laboratorio”. Así, desenvolve novos materiais para a conversión de enerxía termoeléctrica, centrándose nos últimos anos nos materiais activos para o transporte térmico, o que o levou a crear equipos experimentais que miden a condutividade térmica de líquidos e nanoestruturas. Na actualidade está a traballar na aplicación dunha técnica novidosa para estudar a actividade radiactiva de solos e rochas de diversos lugares de Galicia, unha técnica que permite ademais datar fósiles e minerais. Na súa traxectoria suma dúas patentes.

