
Fujifilm prepara o lanzamento da instax Pal 2, unha pequena cámara dixital que mantén o formato compacto da súa predecesora, pero incorpora unha pantalla LCD de 1 polgada, visor, novos controis físicos e unha maior resolución para as fotografías.
A instax Pal 2 chegará a Europa o 29 de setembro a un prezo que estaría no contorno dos 170 euros. O trebello pesa aproximadamente 87 gramos e mide 37 x 42 x 92,3 milímetros, sen contar as partes saíntes.
A principal novidade no manexo é a incorporación de controis que recuperan parte da experiencia dunha cámara convencional. Dispón de visor, un dial para seleccionar efectos e unha panca que permite escoller entre os formatos instax mini, SQUARE e WIDE, ademais de activar o modo instax Animation.

A pantalla LCD de 1 polgada permite revisar as fotografías directamente desde a cámara. O sensor CMOS de 1/3,06 polgadas pode capturar imaxes de ata 3.776 x 2.832 píxeles no modo de alta calidade, aínda que tamén existe un modo de baixa calidade de 1280 x 960 píxeles.
A instax Pal 2 incorpora 30 efectos diferentes organizados en cinco grupos (Modern, Y2K, Vintage, Chromatic e Fantasy), con seis efectos en cada un. O usuario pode seleccionar ata seis deles para telos dispoñibles directamente na cámara.
A cámara tamén permite crear pequenas animacións. Ao manter premido o disparador pode realizar ata dez fotografías consecutivas e convertelas nunha secuencia con aspecto de libro animado mediante a función instax Animation.

O dispositivo almacena unhas 100 fotografías na súa memoria interna e admite tarxetas microSD, microSDHC e microSDXC de ata 2 TB. A conexión co móbil realízase mediante Bluetooth a través da aplicación específica, aínda que tamén é posible transferir as fotografías mediante o conector USB tipo C integrado. Fujifilm cifra en aproximadamente 0,7 segundos por imaxe o tempo necesario para a transferencia mediante USB tipo C.
A aplicación permite editar as fotografías e preparalas para compartilas. A cámara tamén pode utilizarse como disparador remoto desde o teléfono para realizar autorretratos, fotografías de grupo ou tomas desde ángulos diferentes. Un accesorio específico permite inclinar a cámara para facilitar este tipo de capturas.

A diferenza dunha cámara instantánea convencional, a Pal 2 non incorpora impresora. As fotografías poden enviarse a impresoras instax Link ou a cámaras híbridas compatibles para obter copias en película instax mini, SQUARE ou WIDE.
A cámara utiliza unha batería interna de ión-litio, cun tempo de carga aproximado de entre dúas e tres horas, e conta con apertura F2.2, velocidades de obturación de entre 1/4 e 1/8000 segundos, sensibilidade automática de ISO 100 a 1600 e enfoque desde 8 centímetros ata infinito. Estará dispoñible inicialmente nos acabados negro e branco. Un produto moi interesante para os que queiran recuperar a clásica experiencia das cámaras de peto, afastándose da fotografía móbil.

