
Gradiant, centro tecnolóxico galego especializado en tecnoloxías deep tech, segue a dar pasos adiante para consolidarse como un dos principais referentes nacionais en tecnoloxías cuánticas grazas á súa participación en tres proxectos estratéxicos impulsados pola Axencia Espacial Europea (ESA), proxectos integrados por algunhas das compañías máis relevantes do sector aeroespacial europeo, como Airbus Defence and Space Spain e Safran Electronics and Defense.
As tres iniciativas abordan algúns dos principais desafíos tecnolóxicos do sector espacial, desde o desenvolvemento de redes de comunicacións cuánticas seguras entre satélites ata a creación de sensores cuánticos de nova xeración para mellorar as capacidades de observación terrestre. Trátase de tecnoloxías chamadas a desempeñar un papel clave en ámbitos estratéxicos como as comunicacións, a navegación, a monitoraxe do planeta ou a seguridade.
“A participación nestes proxectos supón un importante recoñecemento ás capacidades de Gradiant en tecnoloxías cuánticas e reflicte a confianza que a Axencia Espacial Europea e os principais líderes industriais depositan no noso coñecemento. Formar parte destes consorcios permítenos contribuír ao desenvolvemento das futuras infraestruturas espaciais europeas e reforzar o noso posicionamento como referentes en tecnoloxías cuánticas aplicadas ao Espazo. Ademais, pon de manifesto o enorme potencial destas tecnoloxías para transformar o futuro das comunicacións, a observación terrestre e a seguridade”, sinalou Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant.
Construíndo a próxima xeración de infraestruturas espaciais

Un destes proxectos é QUPIDO (QUantum and Pnt Intersatellite Communications with Data AggregatiOn), liderado por Safran Electronics & Defense, cuxo obxectivo é desenvolver ligazóns de comunicacións entre satélites que combinen seguridade cuántica con mecanismos avanzados de sincronización e posicionamento relativo.
QUPIDO contempla o desenvolvemento de demostradores terrestres que servirán como base para futuras redes de comunicacións intersatelitais.
Gradiant participa tamén en QUEENS (Quantum Entanglement by Enhanced Timing in Satellites), iniciativa igualmente liderada por Safran Electronics & Defense, xunto con Airbus e Airbus Crisa, que busca desenvolver demostradores para validar futuras redes de comunicacións cuánticas vía satélite mediante a distribución de entrelazamento cuántico entre distintos nodos espaciais, combinando sincronización ultraprecisa e comunicacións intrinsecamente seguras.
O terceiro proxecto, denominado Rydberg Based Microwave Radiometer, liderado por Airbus Defence and Space Spain (situada en Xetafe), contará coas capacidades de Gradiant en sensores cuánticos de radiofrecuencia baseados en átomos de Rydberg. Grazas a estas capacidades, será posible desenvolver unha nova xeración de sistemas de radiometría para a observación terrestre que aproveiten a capacidade de sintonización e o potencial de sensibilidade de tales plataformas cuánticas. O consorcio aglutina, ademais, a experiencia de Durham University en sistemas atómicos e as capacidades de Airbus en radiometría e espacialización de sistemas ópticos das súas sedes de España e Alemaña, respectivamente.
Unha aposta estratéxica polas tecnoloxías cuánticas
A participación nestes proxectos da Axencia Espacial Europea enmárcase na aposta estratéxica que Gradiant está a realizar polas tecnoloxías cuánticas, unha das áreas chamadas a marcar a evolución de sectores clave nos próximos anos. O centro traballa no desenvolvemento de solucións baseadas en tecnoloxías cuánticas co obxectivo de trasladar o seu potencial a aplicacións reais e contribuír á competitividade do tecido empresarial.
Esta aposta pola innovación reflíctese na súa capacidade para impulsar proxectos de I+D+i neste ámbito. En 2025, Gradiant mobilizou 3,5 millóns de euros en proxectos de I+D+i destinados ao desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas, consolidando a súa posición como socio tecnolóxico para empresas e institucións que buscan avanzar na súa adopción. Así mesmo, Gradiant forma parte da Rede de Excelencia Cervera Quixote, cuxo obxectivo é impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías cuánticas aplicadas á defensa e a seguridade, contribuíndo a reforzar a soberanía tecnolóxica e a autonomía estratéxica de España e Europa.

