
Honor confirmou o deseño, as cores e as configuracións de memoria dos tres modelos que integrarán a súa nova serie Magic9: Magic9, Magic9 Pro Max e Magic9 Super Edition. Os terminais xa están dispoñibles para reserva en China e serán presentados oficialmente o 28 de setembro.
O Magic9 Pro Max estará dispoñible en negro, prata e verde oliva, con configuracións de ata 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento interno. O Magic9 ofrecerá esas mesmas capacidades máximas e engadirá o amarelo Popcorn ás opcións de cor. O seu módulo fotográfico traseiro mantén unha disposición semellante á do Pro Max, aínda que os círculos das cámaras son algo máis pequenos, e contará coa colaboración de Arri no sistema de cámaras.
Un dos factores máis rechamantes destes novos móbiles estará na súa cámara frontal de 55 Mpíxeles, que adoptará un formato cadrado, facilitando así a toma de imaxes e a captura de vídeo tanto en horizontal como en vertical sen ter que xirar o dispositivo, prestación presente nos móbiles de Apple, e que agora podería popularizarse en Android.

A novidade da gama será o Magic9 Super Edition, que comparte o deseño xeral do Magic9 e estará dispoñible nas mesmas catro cores. Neste caso, as configuracións chegarán ata os 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento, mentres que o módulo de cámaras non incorporará a identificación de Arri.
Honor tamén confirmou que a serie Magic9 contará cunha batería de 11.000 mAh, pero non precisou que modelo empregará esta capacidade. Filtracións anteriores apuntan ao Magic9 Super Edition como o terminal que incorporará a batería de maior capacidade da gama, aínda que este dato non foi confirmado oficialmente.

