
O Realme 16 Pro 5G é un interesante smartphone de gama media, especialmente pola súa configuración de cámaras, cun sensor principal estabilizado de 200 Mpíxeles, acompañado por un ultra grande angular de 8 Mpíxeles e unha cámara frontal de 50 Mpíxeles. A súa pantalla AMOLED de 6,78 polgadas e resolución QuadHD+ presume dunha velocidade de refresco de ata 144 Hz e un brillo pico de ata 6.500 nits (cun HBM de 1.400 nits).
A nivel de procesador funciona cun MediaTek Dimensity 7300 Max 5G de 8 núcleos, ten 8 GB de memoria LPDDR4X e o almacenamento é de 256 ou 512 GB UFS3.1. A súa batería de 6.500 mAh pode cargase ata a 45 watts. Todo isto nun grosor de 7,75 milímetros.
O propio fabricante remite a AliExpress para a súa compra, onde está dispoñible actualmente a entre 308,72 e 342,13 euros en función da súa capacidade, o que semella un prezo bastante axeitado, pero que estaría bastante lonxe dunha revisión que preparan inspirada na franquía de Harry Potter, que sairá á venda o vindeiro luns a un prezo que pretenden que sexa de 699 euros.

O Realme 16 Pro 5G Harry Potter Edition conservaría boa parte das prestacións da súa versión ordinaria, personalizando o seu aspecto e incluíndo pequenas melloras, como sería a ampliación da súa batería ata os 7.000 mAh e o incremento da súa velocidade de carga ata os 80 watts.

Pero o grande atractivo deste smartphone é a caixa na que se envía, que simula un maletín de Hogwarts, así como tamén a parte traseira do móbil está decorada cun patrón de rombos sobre os que figura o escudo da escola de magos de J. K. Rowling. Falamos dun produto de edición limitada a 5.000 unidades, que pode resultar atractivo para incondicionais das aventuras do neno mago, aínda que a súa compra pode resultar pouco razoable, xa que quen busque lucir simplemente a estética de Hogwarts pode optar por unha funda para un móbil de prestacións bastante superiores.

