
Este outono vaise celebrar a 20ª edición do I+P, Ideas para Producir, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, que reunirá os vindeiros 26 e 27 de novembro a responsables dalgunhas das principais televisións, plataformas e distribuidoras do sector con produtores e creadores que buscan financiamento, coprodución, distribución e novas vías de comercialización para os seus proxectos.
Entre as primeiras compañías que xa confirmaron a súa participación atópanse RTVE, Atresmedia, Mediaset España, Movistar Plus+, Prime Vídeo & Amazon Studios, HBO Max, Disney+, AMC Global Media, TVG, 3cat, Canal Sur, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente Films e Beta Fiction Spain.
O Clúster sinala que “a presenza destes axentes converte un ano máis ao I+P nun punto de encontro entre a oferta de novos contidos e os profesionais con capacidade de decisión dentro da industria audiovisual”. Durante o encontro, os participantes poderán coñecer proxectos en desenvolvemento e manter reunións individuais cos seus responsables, favorecendo a procura de socios, acordos de coprodución, financiamento, distribución e venda.
Organizado polo Clúster do Audiovisual Galego, o I+P celebrará o seu vixésimo aniversario no Coruña Estudio Inmersivo (o CEI da Deputación, emprazado na Cidade das TIC), o maior centro de produción virtual de España e un dos máis avanzados de Europa.
Últimos días para o rexistro de proxectos
A convocatoria para participar no I+P 2026 permanece aberta ata o 30 de setembro, ás 14.00 horas. Produtoras e creadores poden presentar as súas propostas a través do formulario dispoñible na web do Clúster do Audiovisual Galego.
Un comité integrado por tres profesionais de recoñecida traxectoria na industria audiovisual será o encargado de valorar as propostas recibidas e seleccionar os proxectos que participarán no pitching. Os responsables dos traballos seleccionados serán informados pola organización durante o mes de novembro.
A 20ª edición do I+P, Ideas para Producir conta co apoio da Deputación da Coruña, o patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración de Pedralonga Estudios, as asociacións CREA e AGAG, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), Music Library & SFX e Gadisa.

