
O vindeiro 2 de outubro celebrarase na Domus da Coruña a primeira edición do encontro Periscopio. Participarán especialistas do ámbito cultural, tecnolóxico e académico da man da Fundación Contemporánea xunto co Concello e a AESIA.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou onte na presentación da primeira edición de Periscopio A Coruña, un encontro profesional para “afondar no impacto da intelixencia artificial nos sectores culturais e creativos”.
Como dixemos, a iniciativa está organizada por Fundación Contemporánea e conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, e da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
A xornada reunirá pensadoras, artistas, investigadoras, profesionais da xestión cultural e especialistas en tecnoloxía para abordar un dos grandes desafíos do presente: o papel que debe desempeñar a cultura nun contexto marcado pola expansión da intelixencia artificial. Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a oportunidade que supón para a cidade acoller esta iniciativa: “A Coruña consolídase como un espazo de referencia para o diálogo entre cultura, innovación e coñecemento. Periscopio permitirá reunir voces de primeiro nivel para reflexionar sobre como queremos que a tecnoloxía se incorpore aos procesos creativos e culturais do futuro”, sinalou.
A programación contará coa participación de figuras destacadas como a escritora e investigadora Remedios Zafra, o director da AESIA, Alberto Gago; o cineasta e artista Chino Moya; o artista e deseñador Alberto Barreiro; o director creativo da Colección SOLO, Óscar Hormigos; e o catedrático da Universidade de Vigo Martín López Nores, entre outros participantes.
O encontro incluirá conferencias, mesas de debate, espazos de traballo colaborativo e sesións de networking. Entre os asuntos que se abordarán figuran as relacións entre cultura e algoritmos, os retos da regulación da intelixencia artificial, os límites éticos da creación automatizada e as oportunidades que ofrecen as novas ferramentas tecnolóxicas para artistas e organizacións culturais.
A xornada completarase cun taller participativo titulado Que cultura queremos na era da IA?, coordinado por Silvia Rivela, así como cun espazo de encontros profesionais baixo o formato Un café con…, que facilitará o intercambio directo entre especialistas e axentes culturais.
Periscopio A Coruña servirá tamén como punto de partida para o hackhaton Creadores culturais & tecnólogos, unha iniciativa que reunirá profesionais da cultura e da tecnoloxía para desenvolver prototipos e ferramentas baseadas en intelixencia artificial aplicadas á creación, xestión e difusión de proxectos culturais.
A convocatoria permanecerá aberta ata o 28 de setembro e o programa desenvolverase entre o 2 de outubro e o 16 de decembro. O obxectivo é promover a colaboración interdisciplinar e explorar aplicacións prácticas da IA que poidan incorporarse ao sector cultural.

