
A Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Administración provincial subvencionará este ano con 40.000 euros o servizo A Liña do Galego, aplicación impulsada pola Mesa que permite á cidadanía defender os seus dereitos lingüísticos directamente desde o móbil,
O acordo, que se vén renovando de xeito continuado nos últimos anos, asinárono a deputada de Lingua, Sol Agra, e o presidente da Mesa, Marcos Maceiras. A Deputación financiará o 80 por cento do orzamento total, 50.000 euros; o resto do custo asumirao a plataforma independente de promoción do noso idioma.
“Coa sinatura deste convenio”, explicou Agra, “o Servizo de Normalización Lingüística da Deputación mantén o seu apoio a todas aquelas iniciativas que, desde a sociedade civil organizada, defenden e promoven o uso do galego en todos os ámbitos da nosa vida diaria, contribuíndo á súa dinamización e normalización neste contexto histórico de retroceso dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes”.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto dirixido a toda a poboación, que funciona dende 2007 vía teléfono, correo electrónico e aplicacións de móbil dispoñibles para Android e iOS.
A través del, e sempre de xeito nomeado e coa garantía de confidencialidade, calquera persoa pode canalizar consultas, denuncias e queixas polas agresións e discriminacións contra a lingua galega; pero atende tamén parabéns relacionados co recoñecemento e o exercicio dos dereitos lingüísticos. A plataforma emprende, ademais, iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos.

