
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa María Crujeiras, asinaron esta mañá no Pazo de Montenegro un convenio de colaboración, a través do cal a institución provincial achega 370.500 euros, máis do 80 %, para seguir avanzando no impulso do Campus de Lugo.
As mandatarias institucionais formalizaron na sede do vicerreitorado do campus lucense o acordo que se articula arredor de catro grandes ámbitos: investigación, transferencia de coñecemento, mellora das instalacións, divulgación científica e prácticas para o alumnado.
A presidenta concretou que a maior partida deste convenio, máis de 200.000 euros, estará destinada ao mantemento, conservación e reparación das instalacións do Campus e do Pazo de Montenegro.
Os traballos abranguerán os sistemas eléctricos, ascensores, instalacións térmicas, redes de auga e saneamento, xestión de residuos e telecomunicacións, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento dos espazos universitarios.
Outros 200.000 euros para investigación e divulgación
A divulgación científica e a transferencia de coñecemento será outra das principais partidas que concentra o acordo, con preto de 200.000 euros. Estes fondos permitirán o desenvolvemento de iniciativas como o Campus de Verán Xuvenciencia, no que participaron o pasado ano 95 estudantes de toda Galicia; o Programa A Ponte, que achega a universidade aos centros educativos, especialmente ao alumnado de secundaria e Bacharelato para que vexan unha opción de futuro; a exposición Ciencia en Movemento e as actividades do Museo Domus do Mitreo.
Así mesmo, o convenio reserva 24.000 euros para impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento no Campus, con actuacións vinculadas a centros e institutos como o IBADER, iTerra ou a Estación Científica do Courel, así como facilitar a mobilidade de persoas investigadoras nas primeiras etapas da súa carreira, colaborando nos gastos de adquisición de materiais, publicacións, traballos de campo e desprazamentos.
Máis prácticas para o alumnado
O convenio permitirá reforzar a formación práctica do alumnado, cunha dotación de 40.000 euros, tanto na Granxa Gayoso Castro como noutras explotacións gandeiras e en empresas da provincia. A colaboración da institución provincial permite que máis de 1.500 alumnos realicen cada ano prácticas na Granxa Gayoso Castro, principalmente estudantes da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.
Cesión de terreos e outras axudas
A intensa colaboración da Deputación coa USC materialízase con diversas actuacións ao longo do ano. Xunto ao presente convenio figura unha achega de 9.500 euros para apoiar actividades de investigación tecnolóxica, difusión no ámbito económico e social e dinamización da comunidade universitaria. Tamén destaca o traballo conxunto para a actualización e mellora da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL), unha ferramenta destinada a identificar desequilibrios e favorecer un desenvolvemento equilibrado e sostibel dos concellos da provincia.
A cooperación entre ambas as institucións inclúe ademais a cesión gratuíta dos terreos nos que se sitúan as facultades, centros de investigación e servizos educativos do Campus, así como da parcela destinada á futura Facultade de Formación do Profesorado.

