
Boox presentou tres novos dispositivos de tinta electrónica que amplían a súa oferta con diferentes formatos orientados á lectura, a escritura e a produtividade. Os novos Note Air6 C e Palma 3 actualizan dúas das familias da marca, mentres que o Note Mini C introduce un formato de 8,52 polgadas.
Os tres modelos incorporan iluminación frontal, Android 16 e un procesador de oito núcleos, ademais da tecnoloxía Boox Super Refresh para mellorar a velocidade de actualización da pantalla.

O Note Air6 C mantén o formato de 10,3 polgadas da serie Note Air e aposta por un panel eInk en cor. Está pensado para a lectura de libros e documentos, a navegación web e a toma de notas ou debuxos. O novo procesador fabricado en 4 nanómetros e a tecnoloxía Super Refresh reducen nun 40 % o tempo de actualización da pantalla fronte ao modelo anterior.

A conectividade tamén recibe unha actualización con Bluetooth 6.0, que permite empregar simultaneamente accesorios como un rato sen fíos e uns auriculares. Na parte traseira incorpora conectores para acoplar a funda con teclado. A aplicación nativa Notas engade ferramentas como Esquema, Etiquetas e Búsqueda, ademais de Notas Duales, que permite visualizar dous documentos á vez tanto en horizontal como en vertical. O Note Air6 C xa está dispoñible por 579,99 euros.

O Note Mini C leva as funcións da familia Note a un formato máis pequeno, cunha pantalla eInk en cor de 8,52 polgadas. O tamaño facilita o transporte e o uso cunha soa man, mantendo a posibilidade de consultar documentos con gráficos, táboas ou ilustracións en cor e tomar notas directamente sobre a pantalla.
O dispositivo conta con 6 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno e unha ranura microSD compatible con tarxetas de ata 2 TB. Tamén funciona co novo lapis magnético InkSight. A súa chegada ás tendas está prevista proximamente, cun prezo de 579,99 euros.

O Palma 3, pola súa parte, conserva o formato compacto próximo ao dun smartphone, pero recibe un redeseño completo. Emprega unha pantalla eInk monocroma cun maior contraste, negros máis profundos e acabado mate antirreflexos.
Android 16 permite instalar aplicacións de lectura, audiolibros, mensaxería ou música, mentres que os 128 GB de almacenamento ofrecen maior capacidade para gardar contidos. O modelo tamén é compatible co lapis InkSense Plus e chegará proximamente por 339,99 euros.
