
Canon presentou a EOS R8 Mark II, unha cámara sen espello de formato completo que incorpora estabilización de imaxe integrada (IBIS) nun corpo duns 499 gramos. O novo modelo combina un sensor CMOS full frame de 24,2 megapíxeles con series de ata 40 fotogramas por segundo e gravación de vídeo 4K a 60p.
A estabilización integrada de cinco eixes alcanza ata 7,5 pasos e pode coordinarse coa estabilización óptica dos obxectivos compatibles. O sistema tamén incorpora un novo multicontrolador e un deseño orientado a facilitar o manexo da cámara con diferentes tipos de ópticas.

O enfoque automático corre a cargo do Dual Pixel CMOS AF II, con cobertura do 100 % do encadre e seguimento de persoas, animais e vehículos. A cámara engade ademais o rexistro de prioridade de persoas, que permite gardar rostros para que o sistema dea prioridade a determinados suxeitos mesmo cando hai máis persoas no encadre.
A serie de disparos chega a 40 fotogramas por segundo co obturador electrónico e admite disparos en serie previos, capaces de rexistrar imaxes desde medio segundo antes de premer completamente o disparador. O buffer permite almacenar ata 73 arquivos RAW nunha única serie.
A gravación de vídeo permite obter 4K a 60p sen recorte mediante sobremostraxe a partir de 6K, ademais de Full HD a ata 180 fotogramas por segundo. Inclúe tamén Canon Log 3, modos de cámara lenta e rápida e estabilización dixital para vídeo.

A conectividade inclúe Wi-Fi 6, Bluetooth 5.3 e USB-C, con opcións para transferir fotografías e vídeos, controlar a cámara a distancia e realizar emisións en directo. A EOS R8 Mark II tamén permite realizar copias de seguridade automáticas mediante image.canon.
Entre as funcións orientadas a usuarios que se incorporan ao sistema están o modo automático con detección de escenas, Creative Assist, bracketing creativo, Advanced A+, 14 modos de escena e 16 filtros de cor. Entre estes últimos figuran os novos Negative Filmtone e Positive Filmtone.
A EOS R8 Mark II chegará ao mercado europeo a finais de outubro a un prezo de 1.829,99 euros, mentres que o lote coa óptica RF 24-50mm F4.5-6.3 IS STM incrementa o seu prezo ata os 2.239,99 euros.

