
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o éxito do programa Enredando Tour que, desde a súa posta en marcha da man de Cruz Vermella e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), “permitiu xa achegar as ferramentas dixitais a máis de 1.300 maiores do rural”, segundo lembrou.
Durante a clausura da súa cuarta edición, na que participaron máis de 240 persoas de 21 localidades das catro provincias galegas, Corgos quixo agradecer o esforzo dos voluntarios da Cruz Vermella que, tanto nesta edición como nas anteriores, estiveron promovendo as actividades e os obradoiros para que os maiores poidan manexarse na contorna dixital con autonomía e confianza, vivan onde vivan.
“A dixitalización debe abrir oportunidades e non crear novas diferenzas”, dixo, subliñando que esta iniciativa vén a reforzar o traballo que fai a Xunta a través da Rede CeMIT, “para construír unha sociedade dixital máis inclusiva”. De feito, o conselleiro lembrou que case o 30 % das persoas usuarias das aulas CeMIT son maiores de 55 anos, na súa maioría do rural.
Miguel Corgos concluíu recordando que entre 2021 e 2025, o uso de Internet entre as persoas de 65 a 74 anos medrou case un 39 %, o que significa que máis de 72.800 galegos entre estas idades se incorporaron á vida dixital.

Ao longo os pasados meses, a xira Enredando percorreu centos de quilómetros, “convertendo prazas, rúas e espazos comunitarios en puntos de aprendizaxe, encontro e acompañamento dixital”. As sesións tiveron lugar en Corcubión, Val do Dubra ou Monfero ata Coruxo, Rois, Vilanova de Arousa, Cervantes, Portomarín, O Valadouro, Rábade ou no barrio do Tirimol en Lugo, entre ouros emprazamentos.
As persoas que participaron puideron resolver dúbidas, descubrir ferramentas dixitais, perderlle o medo a determinados trámites tecnolóxicos ou simplemente gañar confianza no uso dos seus dispositivos.
A Cruz Vermella salientou recentemente a alta participación feminina nas actividades deste verán, unha realidade que “confirma o interese crecente das mulleres por adquirir novas competencias dixitais e seguir avanzando cara a unha maior autonomía tecnolóxica, contribuíndo tamén a reducir diferentes fendas dixitais que aínda persisten”.
Durante a xira o voluntariado da Cruz Vermella achegou coñecementos de banca dixital, de Administración Electrónica, de seguridade na Internet, de aplicacións móbiles, de ferramentas útiles para o día a día e de novas experiencias tecnolóxicas.
Engadir que esta acción enmárcase dentro do proxecto Enredando e que conta co apoio da axencia autonómica AMTEGA (Consellería de Facenda). Comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros.

