
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na apertura da segunda edición de GalIA Tech, organizada por DATAlife, onde destacou o avance da intelixencia artificial no tecido empresarial galego.
Toca sinalou que, fronte a unha primeira edición centrada nas oportunidades que ofrece esta tecnoloxía, o encontro permite coñecer este ano experiencias e casos reais de aplicación, mostrando como a IA está a incorporarse ás empresas e contribuíndo á transformación das súas actividades.
Durante a súa intervención, subliñou que «Galicia xa está innovando» e conta con empresas que incorporan novas tecnoloxías, universidades e centros de coñecemento que as desenvolven, startups con solucións avanzadas e sectores empresariais consolidados que atopan na innovación novas oportunidades para seguir medrando e competindo. «Non partimos de cero. Partimos dunha posición avanzada», afirmou, ao tempo que incidiu en que o reto agora é conseguir que ese coñecemento e esa tecnoloxía cheguen cada vez a máis empresas e se traduzan en competitividade, crecemento e emprego.
Neste contexto, a directora do Igape defendeu a necesidade de «industrializar a innovación», é dicir, de conseguir que o coñecemento, a tecnoloxía e o talento existentes en Galicia se convertan cada vez máis en actividade empresarial. A aposta pasa por levar a innovación ás fábricas e ás pemes, transformar procesos, desenvolver novos produtos e xerar oportunidades de negocio, pero tamén por favorecer que as empresas innovadoras galegas poidan medrar, gañar dimensión e competir noutros mercados. Toca destacou a oportunidade de conectar a fortaleza dos sectores consolidados de Galicia cun ecosistema tecnolóxico e innovador cada vez máis potente.
A directora tamén puxo en valor a colaboración do Igape con DATAlife e o papel de GalIA Tech como punto de encontro entre coñecemento, tecnoloxía e empresa, especialmente para facilitar que as pemes poidan identificar e incorporar as solucións que realmente lles acheguen valor. Toca incidiu en que «a innovación non é unha meta, senón un camiño de longo percorrido» e apostou por seguir avanzando para que o potencial da IA e do conxunto das novas tecnoloxías chegue a máis empresas e se traduza en maior actividade económica e competitividade para Galicia.

