
A Axencia Finlandesa do Patrimonio, en colaboración coa Asociación Finlandesa de Centros Culturais Infantís, o Foro Cidadán e a Asociación para a Educación do Patrimonio Cultural en Finlandia, convidou a Ponte… nas ondas! a participar nun seminario web internacional con motivo do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrará o vindeiro 17 de outubro.
O encontro, que reunirá experiencias de Finlandia, Suecia, Lituania, Bélxica e España e Portugal, ten como finalidade compartir proxectos, métodos e ferramentas que favorecen a participación activa da nenez e da mocidade na salvagarda e transmisión do patrimonio cultural vivo.
As entidades organizadoras finlandesas coñeceron o modelo de PNO a través da UNESCO e mostraron especial interese por unha experiencia que, desde hai tres décadas, sitúa os nenos e nenas e a mocidade como participantes activos, a través das novas ferramentas (mediante formatos innovadores como o podcast), na documentación, práctica, reinterpretación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial.

Para as organizacións finlandesas, o modelo de PNO “constitúe unha experiencia especialmente inspiradora pola súa capacidade para articular a colaboración entre centros educativos, comunidades, persoas portadoras do patrimonio, medios de comunicación e novas tecnoloxías”.
A participación de PNO permitirá presentar os métodos e ferramentas desenvolvidos ao longo da súa traxectoria, así como a experiencia de cooperación entre a escola e a sociedade e o papel que desempeñan os propios nenos, nenas e mozos nos procesos de salvagarda do patrimonio vivo.
Baixo o título Patrimonio vivo, nenos e mozos: vías de cooperación, o seminario abordará especialmente tres cuestións: o papel dos nenos e nenas na protección, transmisión e recreación do patrimonio vivo; o papel das asociacións e organizacións culturais e educativas no apoio á participación da nenez e da mocidade; e métodos, ferramentas e experiencias inspiradoras que poidan ser adaptados e aplicados en diferentes contextos europeos.
O seminario parte da idea de que os nenos e nenas non son só receptores do patrimonio, senón tamén axentes activos na súa continuidade. A través do contacto coas xeracións maiores, da aprendizaxe e da participación directa, poden coñecer as tradicións, darlles novos significados e contribuír á súa transmisión e recreación.
Entre as experiencias que se presentarán figuran tamén iniciativas inscritas no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda da UNESCO, como Terra de Lendas (Land of Legends), de Suecia, e Ponte…nas ondas!, de España e Portugal.
O 17 de outubro, Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial

A Convención da UNESCO para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, adoptada en 2003, conta actualmente con 185 estados partes. O patrimonio cultural inmaterial comprende as tradicións e expresións vivas, os coñecementos e as habilidades que as comunidades recoñecen como parte do seu patrimonio cultural, entre elas as tradicións orais, as artes do espectáculo, as prácticas sociais, os coñecementos relacionados coa natureza e o universo e os saberes artesanais.
Trátase dun patrimonio que se practica no presente, se transmite de xeración en xeración e se recrea continuamente, adaptándose ás circunstancias e ás necesidades das comunidades.
O seminario web conmemora o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebra o 17 de outubro, e forma parte das Xornadas Europeas do Patrimonio 2026: Patrimonio en Risco.
O encontro desenvolverase en inglés, será gratuíto e aberto ao público. As persoas interesadas poderán participar mediante inscrición previa e tamén poderán rexistrarse para acceder á gravación do seminario unha vez rematado o evento.

