
O proxecto Cubia, no que participa o grupo de investigación Hydro-Forest, da Escola de Enxeñaría Forestal (Universidade de Vigo), ten o obxectivo de desenvolver un modelo de cubicación forestal que permita substituír o inventario manual de masas forestais por un sistema dixital, baseado na captura de datos a través de sensores avanzados e o seu procesamento mediante algoritmos de intelixencia artificial.
Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia a través de fondos FEDER, a participación das e dos investigadores da UVigo neste proxecto céntrase no desenvolvemento de modelos de IA, capaces de estimar peso, volume e número de pés en masas forestais de piñeiro e eucalipto a partir das medicións obtidas con tecnoloxía Lidar.
Coordinado pola empresa ASEFOR, no proxecto Cubicación forestal intelixente (CUBia), seleccionado na convocatoria Nexos, participan FINSA, Fortop, Geomatico e Medrar Innovation Office, xunto co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e a Universidade de Vigo.
Nun plano máis concreto, o seu propósito é desenvolver un “sistema dixital, descentralizado e remoto”, baseado na captura de datos mediante sistemas de láser escáner tanto terrestre como aéreo e o seu posterior procesado a través de algoritmos de intelixencia artificial, “o que permitirá levar a cabo un modelado preditivo”, contribuíndo a sentar “as bases dun novo paradigma na xestión dos recursos forestais”, sinalan os seus promotores.

Os obxectivos e liñas de traballo desta iniciativa, que os seus promotores presentan como “un proxecto pioneiro en Galicia”, foron abordadas este mércores nunha xornada de presentación do proxecto, que tivo lugar na finca A Panda da Dá, nas Pontes de García Rodríguez.
A xornada completouse cunha demostración do procedemento de medición de masas arbóreas con tecnoloxía Lidar e contou coa participación da directora de GAIN, Carmen Cotelo, así como con representantes de diferentes entidades do sector madeireiro.
Segundo explican desde o grupo Hydro-Forest, a participación dos investigadores e investigadoras da EE Forestal neste proxecto céntrase no desenvolvemento dos modelos de intelixencia artificial para a medición de masas forestais das catro especies obxecto de estudo, Pinus pinaster, Pinus radiata, Eucalyptus globulus e Eucalyptus nitens.
“A idea é ir desenvolvendo modelos cada vez máis complexos, a medida que a cantidade de datos vaia aumentando”, sinalan os investigadores Diego Barba e Mario García, engadindo que o dito fará posible “a obtención de diversos deseños e arquitecturas de aprendizaxe máquina, facilitando a comparación e elección do modelo óptimo para cada caso”.
CUBia artéllase arredor de “seis obxectivos científico-tecnolóxicos”, que abranguen desde a captura de datos inicial ata “a explotación industrial dos resultados”.
O proxecto comprenderá tamén a análise da capacidade dos inventarios dixitais para contribuír á “resiliencia climática” da xestión forestal. Finalmente, outro dos eixes do proxecto será a incorporación do sistema de cubicación desenvolvido nunha plataforma que facilite o seu uso por parte de empresas, propietarios forestais e administracións.

