
Youtubeiras+, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística dez concellos galegos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de promover o talento en galego nas redes sociais, lanza un novo premio honorífico para distinguir a traxectoria de persoas e iniciativas no eido da creación dixital na nosa lingua.
Esta é a gran novidade que trae a décima edición dos Premios Youtubeiras, cuxas bases xa se poden consultar en liña.
O prazo de inscrición manterase aberto ata as 23.59 horas do día 15 de novembro.
O certame, que repartirá 7500 euros entre as persoas premiadas, divídese en sete categorías: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade Lingüística, Rede e Premio do Público. Os dous primeiros apartados contarán cunha dotación económica de 1250 euros e as cinco restantes, de 1000 euros.

Estas son as liñas mestras que definen esta nova edición dos Premios Youtubeiras+, que se desenvolverán baixo o lema Dez anos en rede. Así o explicaron en rolda de prensa o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez López; a concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey, e a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana Iglesia.
Na súa intervención, García puxo en valor “a estreita colaboración entre as diferentes institucións implicadas”, así como “a pluralidade de sensibilidades que conviven na organización deste certame”.
Pola súa banda, Ana Cabana Iglesia aproveitou a ocasión para subliñar “a decidida implicación das tres universidades desde a primeira edición” deste proxecto, unha colaboración que aos seus ollos amosa “o forte compromiso coa lingua, cuxo futuro está nas novas xeracións e nas novas fórmulas de comunicación que empregan cada día”.

O rexedor de Carballo, Daniel Pérez López encargouse de facilitar á prensa as cifras da anterior edición, así como o volume de participación das primeiras convocatorias. Con estes números, Daniel Pérez ilustrou a evolución duns galardóns aos que concorreron un total de 126 canles en 2025, fronte ás 89 de 2024 ou 68 de 2023. No referente ao Premio do Público, engadiu que en 2025 presentáronse 49 vídeos nesta categoría, fronte aos 41 do curso anterior ou os 24 de 2024.
Por último, Daniel Pérez compartiu os datos da primeira edición de Youtubeiras+, que se desenvolveu entre 2016 e 2017. Por aquela altura, o certame fixábase máis nos vídeos, xa que a participación non se aglutinaba como agora ao redor das canles, lembrou, recordando tamén que “con esa forma inicial de contabilizar a participación, en 2017 contabilizáronse 202 vídeos, mentres que en 2020, no ano dos confinamentos por mor da pandemia da COVID, chegouse ao pico de 536 vídeos”.
A concelleira de Lingua do Concello de Teo, María Vázquez Rey encargouse de desvelar os nomes que conforman o xurado que escollerá as canles e persoas gañadoras deste ano: o músico e produtor Nuno Pico, a comunicadora audiovisual Eira Losada, a creadora de contido e publicista Nuria Grandío, a escritora Emma Pedreira e a guionista e directora Bea Saiáns. Vázquez Rey lembrou durante a súa intervención que a formación é un piar fundamental de Youtubeiras+. Así, lembrou, nesta nova edición ofertaranse tres obradoiros: María Rúa ofrecerá a sesión titulada Como ser unha turras sen parecelo o 7 de outubro, Nuria Grandío impartirá o taller Crear contidos con estratexia: das ideas ás redes sociais o 14 de outubroe Nee Barros encargarase do obradoiro Conecta en galego: diversidade, talento e redes sociais o 21 de outubro. Celebraranse todos eles en liña e serán de balde, previa inscrición.
Youtubeiras+ é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois e Teo; das universidades da Coruña, Santiago e Vigo; e da Deputación da Coruña.

