
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou o potencial da intelixencia artificial (IA) para avanzar na modernización e competitividade do sector da madeira e o deseño, mediante novas ferramentas capaces de optimizar procesos, aumentar a produtividade e xerar maior valor.
Toca Carús participou en Santiago na inauguración do Programa de Formación Directiva en Intelixencia Artificial para empresas do sector da madeira e o deseño, unha iniciativa impulsada polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia co apoio do Igape para achegar estas tecnoloxías á actividade empresarial.
Durante a súa intervención, sinalou que a innovación non é exclusiva dos sectores emerxentes ou das empresas tecnolóxicas, senón que tamén ofrece unha vía para seguir transformando industrias consolidadas. Neste sentido, destacou que a madeira e o deseño contan cun amplo coñecemento, experiencia e unha cadea de valor desenvolvida, ademais dunha aposta continuada pola evolución e a incorporación de tecnoloxía.
O programa ten un marcado carácter práctico e busca que os participantes analicen as súas propias empresas para identificar os ámbitos nos que a IA pode achegar valor, desde o aforro de tempo e a mellora da toma de decisións ata a resolución de problemas concretos.
Toca Carús subliñou tamén a importancia de contar con persoal capacitado, datos de calidade, seguridade e supervisión humana. Ao mesmo tempo, puxo en valor o papel dos clústeres como aliados das empresas pola súa proximidade ao tecido produtivo e o coñecemento das necesidades específicas de cada sector. «A tecnoloxía é importante, pero as decisións seguen sendo nosas», remarcou.
A Xunta reafirmou así o seu compromiso de acompañar as empresas para transformar estas oportunidades en proxectos concretos. O Igape conta con IA360 para apoiar tanto o desenvolvemento de tecnoloxía propia como a aplicación de solucións de intelixencia artificial. «Non se trata de incorporar IA porque agora todo teña que levar esas siglas, senón de utilizala onde nos permita traballar mellor, xerar máis valor e competir mellor», concluíu.
