
Marvel: Lobezno tería vendido preto de 1,9 millóns de copias desde o seu lanzamento o 15 de setembro, cunha facturación estimada duns 130 millóns de dólares segundo datos de Alinea Analytics (Sony aínda non confirmou oficialmente as cifras).
Segundo o analista Rhys Elliott, responsable de análise de mercado de Alinea Analytics, o 22,9 % dos ingresos correspondería ás copias físicas. A estimación sitúa o novo xogo de Insomniac por detrás do ritmo inicial de Marvel’s Spider-Man 2, que vendeu máis de 2,5 millóns de unidades nas súas primeiras 24 horas.
A pesar desa diferenza, Marvel: Lobezno xa superaría as vendas acumuladas en PS5 de Death Stranding 2 e, sempre segundo Alinea Analytics, converteríase no lanzamento de PlayStation Studios con mellor comportamento comercial en PS5 no que vai de ano, por diante de títulos como MLB The Show, Marathon, Saros e Marvel Tōkon.
O principal interrogante está agora na evolución das vendas a medio e longo prazo. Marvel: Lobezno obtivo unha puntuación de 77 en Metacritic, mentres que a análise de IGN outorgoulle un 6 sobre 10, aínda que non son poucos os que apuntan a que estas críticas pouco positivas serían consecuencia, en boa medida, da corrente de odio que está a recibir Sony por anunciar a morte dos xogos en disco. Elliott considera que a recepción máis irregular limitará o percorrido comercial do xogo fronte ao de Spider-Man, que mantivo unhas vendas sostidas durante anos.
O lanzamento do filme Avengers: Doomsday en decembro, coa presenza dos X-Men, podería favorecer a demanda de Marvel: Lobezno. O incremento da base instalada de PS5 asociado ao lanzamento de GTA 6 en novembro e a campaña de Nadal tamén poderían contribuír ás vendas.
Insomniac, pola súa banda, xa sinalou que traballa en «refinar aínda máis a experiencia dos xogadores» a partir dos comentarios recibidos tras o lanzamento. Entre as cuestións que xeraron debate están o sistema de rastrexo polo cheiro de Logan e determinados elementos de asistencia durante a aventura.
