
Axudar aos equipos de I+D e innovación no seu día, botándolles unha man para que atopen información de interese e, sobre todo, información nova, actualizada e de utilidade. Este é un dos grandes retos que Linknovate, compañía tecnolóxica con sede en Galicia e socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial dás Ciencias da Vida (Bioga), quere abordar co lanzamento de InnoWatch, un novo axente de intelixencia artificial que transforma as procuras e alertas de innovación “en feeds de intelixencia continua”.
O lanzamento chega acompañado dunha nova experiencia UX/UI de Linknovate, deseñada para simplificar a forma en que os profesionais descobren, monitoran e analizan información sobre innovación.
“A innovación non acontecen unha vez ao día cando alguén fai unha procura. Está a ocorrer seguido. Queremos que os nosos usuarios poidan pasar de buscar información a recibir intelixencia sobre o que está a mudar na súa contorna tecnolóxica”, explica Margherita Mouro, responsable de Comunicación de Linknovate.
Dende a empresa galega explican que a vixilancia tecnolóxica tradicional obriga aos equipos de innovación a revisar cada pouco publicacións científicas, patentes, empresas, startups, financiamento e outras fontes para detectar novidades relevantes. “A medida que aumenta o volume de información dispoñible, este proceso vólvese cada vez máis difícil de escalar”, comentan, apuntando que neste punto é onde InnoWatch cambia o modelo: “No canto de obrigar ao usuario para volver continuamente a chequear persoalmente cada rexistro novo das súas procuras para comprobar se é relevante para a súa investigación, o sistema monitora de forma continua as súas áreas de interese e utiliza IA para identificar e explicar os cambios”.
Manuel Noia, fundador e director executivo (CEO) da compañía tecnolóxica galega, explica que a través de Linknovate “o axente analiza os novos sinais detectados e xera resumos concisos e apoiados por fontes, indicando que ocorreu, por que pode ser relevante e que organizacións, tecnoloxías ou desenvolvementos están implicados”. Desta maneira, apunta, “unha procura sobre unha tecnoloxía, un competidor ou unha área de investigación pode converterse nun sistema de vixilancia permanente”.
Patentes, ciencia, novas firmas innovadoras e tecnoloxía nun mesmo lugar
InnoWatch monitora diferentes sinais que anticipan cambios nun ecosistema tecnolóxico: patentes e nova actividade de propiedade intelectual; publicacións científicas e avances de investigación; startups e empresas innovadoras, así como iniciativas e movementos competitivos; financiamento e grants, para identificar onde se está o investimento en innovación; e tecnoloxías emerxentes e novos conceptos que comezan a gañar relevancia.
Colaboracións e actividade de I+D
O obxectivo non é simplemente xerar máis alertas, senón reducir o ruído e poñer o foco naquilo que cambiou. Cada insight xerado por InnoWatch mantén a conexión coas fontes orixinais, permitindo aos usuarios comprobar a información detrás de cada conclusión.
O lanzamento de InnoWatch forma parte dunha evolución máis ampla da plataforma. Linknovate estreou tamén unha nova experiencia de usuario (UX/UI) que simplifica a navegación e os principais fluxos de traballo da plataforma. A nova interface busca facer máis intuitivas tarefas que forman parte do día a día dos equipos de innovación: analizar empresas, investigar tecnoloxías, estudar competidores, explorar novos ámbitos de I+D e converter información en coñecemento accionable.
