
Huawei actualizou a súa gama de tabletas MatePad Air cun modelo que combina unha pantalla OLED PaperMatte de 12 polgadas con resolución de 2.800 x 1.840 píxeles e frecuencia de actualización de ata 144 Hz. A Huawei MatePar Air 12 ten un grosor de 5,3 milímetros, pesa aproximadamente 509 gramos, integra unha batería de 10.100 mAh con carga de ata 66 watts e chega ao mercado a un prezo de 749 euros (cun desconto de lanzamento de 50 euros na súa tenda oficial en liña e un M-Pencil Pro de agasallo).
A pantalla PaperMatte emprega un tratamento de superficie baseado nun proceso de gravado a nivel nanométrico destinado a reducir os reflexos provocados pola iluminación ambiental. Huawei incorpora tamén modos específicos de confort visual e lectura, ademais das certificacións Full Care Display 3.0 de TÜV Rheinland e SGS Low Visual Fatigue A+ 3.0.

A tableta funciona con 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento e HarmonyOS 4.3. A batería ten unha capacidade típica de 10.100 mAh e carga de ata 66 watts, permitindo ata 10 horas de reprodución de vídeo HDR en streaming ou ata 16 horas de reprodución local de vídeo 1080p cunha única carga (aínda que cun nivel de brillo moi reducido).
A conectividade inclúe Wi-Fi nas bandas de 2,4 e 5 GHz, Bluetooth 6.0, NearLink e un porto USB-C compatible con USB 3.1 Gen 1. Tamén admite OTG e alimentación inversa.
Conta cunha cámara traseira de 50 megapíxeles, apertura f/1.8 e enfoque automático, acompañado dun flash LED. Pode capturar imaxes de ata 8.192 x 6.144 píxeles e gravar vídeo a 1080p. A súa cámara frontal de 12 megapíxeles con apertura f/2.4 e enfoque fixo tamén permite gravar de vídeo a 1080p. Seis altofalantes e dous micrófonos completan o equipamento multimedia.
A tableta pode utilizarse tamén co M-Pencil Pro para escritura e debuxo. O lapis dixitalizador incorpora xestos para determinadas funcións, entre elas o paso de páxinas e o control de presentacións mediante un modo de rato aéreo. A aplicación Huawei Notes permite converter determinados contidos manuscritos en notas ordenadas.

Nalgunha das súas configuracións a tableta pode incluír o Smart Magnetic Keyboard, facilitando o uso do dispositivo para a produtividade ao darlle un formato de ordenador portátil. Este teclado externo (que no caso da tableta adquirida a través de Amazon supón un sobrecusto de 50 euros) ten un grosor de 1,5 milímetros, polo que ten un impacto moi reducido no transporte do dispositivo.
