
A empresa coruñesa Igalia, un dos grandes referentes tecnolóxicos do ámbito galego e estatal, está estes días de celebración, conmemorando os seus 25 anos de andaina. Foi fundada en 2001 por dez titulados da Universidade da Coruña, e hoxe reúne a preto de 200 persoas en todo o mundo. Ademais, é unha das maiores contribuidoras ao software que fai funcionar os navegadores web. No seu haber atopamos grandes fitos, como por exemplo a capa de tradución FEX dos videoxogos que funcionan no STEAM Frame, o visor de realidade virtual para o que Valve abriu as reservas este mes.
Segundo indican dende Igalia, malia o cuarto de século transcorrido e malia o crecemento (e espallamento) da familia Igalia, a estrutura non cambiou: “A empresa pertence a quen traballa nela, cada nova incorporación faise coa expectativa de chegar a ser socia e copropietaria con dereito a voto, e as decisións que noutras empresas toma un consello de administración tómanse de forma colectiva”.
Algúns fitos

Igalia desenvolve partes esenciais dos motores que fan funcionar navegadores como Chrome e Safari, así como dos que funcionan en televisores e outros dispositivos conectados; dos controladores gráficos do ordenador Raspberry Pi; e das consolas de Valve. Tamén mantén Orca, o lector de pantalla do que dependen as persoas con discapacidade visual en sistemas Linux.
En 2025, Igalia foi a empresa que máis contribuíu a WebKit despois de Apple. WebKit é o motor que empregan Safari e outros navegadores e dispositivos, e do que Igalia mantén as versións para escritorios Linux e sistemas integrados.
En Chromium, o proxecto no que se basea Google Chrome, achegou preto dunha quinta parte de todo o código que o proxecto recibiu de fóra de Google. Participa ademais nos organismos internacionais que redactan os estándares da web, entre eles o W3C e ECMA International.
Vínculo con Galicia

O vínculo con Galicia mantívose ao longo dos anos, e foi recoñecida en 2003 como a empresa máis innovadora da comunidade.
O Máster en Software Libre impartiuse por primeira vez en Galicia en 2006, organizado por Igalia, Caixanova e a Universidade Rey Juan Carlos. Desde 2009 Igalia organiza na cidade da Coruña o Web Engines Hackfest, un encontro internacional de desenvolvedores de motores de navegación web; o pasado mes de xuño, o evento reuniu máis de 150 profesionais de todo o mundo no PALEXCO.
En marzo Igalia publicou Moonforge, unha ferramenta libre para construír sistemas operativos destinados a dispositivos integrados, e en agosto incorporáronse os traballadores de Bocoup, outra cooperativa tecnolóxica con longa traxectoria nos estándares da web.
“Foi un experimento: queriamos traballar en Galicia, nunha estrutura de iguais, en software libre”, explica José Dapena, socio fundador de Igalia, engadindo que “moitos deses conceptos seguen sendo fundamentais a día de hoxe, e imos adaptando a estrutura e crecendo con eses mesmos principios”.
Un proxecto para mudar o mundo
Sobre aquel 2001 no que naceu Igalia, Alberto García sinala que “daquela, Internet estaba a madurar axiña e o software libre xogara un papel fundamental nese proceso. Sabiamos que o software libre cobraría aínda máis relevancia no futuro, pero, máis alá do seu potencial para crear nova tecnoloxía, tamén nos apaixonaba a súa filosofía: os principios de colaboración aberta, coñecemento compartido e liberdade. Fundamos Igalia para formar parte desa revolución, e os nosos principios fundamentais inspiráronse nesas mesmas ideas. Queriamos crear unha contorna onde todos puidesen contribuír e onde se escoitase cada voz; tamén queriamos facer extensiva esa filosofía a todas as persoas que se unisen a nós ao longo dos anos. Ese modelo resultou ser un éxito e, 25 anos despois, comprácenos ver que, malia todos os cambios que experimentaron a industria e o mundo, as nosas ideas principais permanecen intactas”.
Pola súa banda, Alex García comenta o seguinte: “En 2001, queriamos deixar pegada: traballar na tecnoloxía baixo as nosas propias condicións, ter liberdade para tomar as decisións que considerabamos correctas e axudar a definir o rumbo da tecnoloxía no canto de limitarnos a aceptar a dirección marcada por outros. Como mozos, queriamos ter capacidade de decisión sobre ese futuro e, á nosa maneira, tentar mudar o mundo para mellor. O código aberto parecía unha vía excelente para acadar eses obxectivos. Seguimos avanzando cos mesmos ideais de base, adaptándoos á realidade de cada momento: sen deixar de aprender, traballando con novas tecnoloxías, tomando as decisións que cremos correctas e incorporando máis persoas a un camiño no que poidan participar, contribuír e axudar a dar forma ao que está por vir”.
