
Donald Trump anunciou a creación dunha Forza da IA destinada a impulsar e supervisar o desenvolvemento da intelixencia artificial nos Estados Unidos, así como o nomeamento dun Czar da IA que se encargará de dirixila. O presidente estadounidense comparou a iniciativa coa creación da Forza Espacial durante o seu primeiro mandato, aínda que non detallou que competencias terá a nova estrutura nin cando comezará a funcionar.
Trump realizou o anuncio nunha publicación en Truth Social na que asegurou que a súa Administración «non obstaculizará nin freará de ningún xeito o crecemento desta incrible industria». Segundo explicou, a intención será apoiar e supervisar o sector, ao tempo que se combaterán os usos considerados prexudiciais mediante os sistemas xudiciais civís e penais xa existentes.
A publicación tamén incluíu unha defensa dos centros de datos fronte ás críticas recibidas nos últimos meses. Trump afirmou, sen achegar datos que sustenten estas afirmacións, que estas instalacións contribúen a aumentar os salarios, reducir os impostos e mellorar a seguridade nas comunidades onde se implantan (mentres que as comunidades deses territorios non cesan de denunciar subas no prezo da enerxía e un grande impacto ambiental).
O anuncio prodúcese nun momento no que diferentes voces do sector tecnolóxico están a reclamar unha maior moderación no ritmo de desenvolvemento da IA. O conselleiro delegado de Anthropic, Dario Amodei, publicou recentemente unha proposta para frear determinados avances, unha posición que posteriormente recibiu o apoio de directivos doutras empresas do sector, entre elas OpenAI e xAI.
Trump sitúase en sentido contrario a estas peticións e argumenta que limitar o desenvolvemento estadounidense podería permitir a China reducir a vantaxe tecnolóxica dos Estados Unidos. A competencia con China é precisamente un dos argumentos centrais da súa mensaxe, na que asegura que o país está actualmente por diante do resto do mundo e que pretende manter esa posición.
O presidente dos EE.UU. tamén asegurou que a intelixencia artificial podería chegar a representar aproximadamente o 25 % do produto interior bruto estadounidense, ao cualificala como «a vindeira Revolución Industrial» ou como unha transformación mesmo maior ca Internet.
A futura figura do Czar da IA aínda non ten nome. Trump limitouse a indicar que anunciará a súa elección «nun futuro próximo» e engadiu, nunha referencia ao perfil que busca, que «só poden optar ao posto persoas con alto cociente intelectual». Paralelamente, publicou unha enquisa para valorar un cambio na propia denominación de «intelixencia artificial», con propostas como «intelixencia extrema» ou «intelixencia suprema».
