
A intelixencia artificial e as fondas transformación que esta imprime na nosa nosa forma de traballar, crear, informarnos e relacionarnos centrarán un diálogo co xornalista e escritor Pedro Vallín e a especialista en IA Alba Meijide na nova sesión do ciclo Pensarmos do Concello da Cultura Galega.
Será este xoves, 24 de setembro, ás 18:00 horas, da man da Sección de Pensamento do CCG. A sesión presencial, que leva por título IA: hai alguén ao outro lado?, poderá seguirse en directo en liña e na canle de YouTube do CCG.
Na sesión, presentada e coordinada por Celia Pereira, Vallín achegará ao debate a súa experiencia como xornalista e ensaísta e o interese que nos últimos anos vén mostrando polas relacións entre tecnoloxía, cultura, política e sociedade.
Autor de C3PO en la corte del rey Felipe, Verdades penúltimas, escrito en conversa co filósofo Javier Gomá, e Casandra y yo, un libro-entrevista coa intelixencia artificial publicado en 2025, Vallín traballa tamén no ensaio Contra lo genuino, no que reflexiona sobre as transformacións antropolóxicas e culturais do presente.
Pola súa banda, Alba Meijide achegará unha perspectiva vinculada directamente ao desenvolvemento e á aplicación profesional da intelixencia artificial. Licenciada en Intelixencia Artificial pola University of Manchester, desenvolve proxectos para empresas nacionais e internacionais en ámbitos como a medicina, os efectos visuais, a animación, o turismo ou o sector legal. A súa experiencia abrangue tamén proxectos de computer vision e iniciativas de divulgación e aplicación ética e colaborativa da IA no ámbito audiovisual.

En palabras do CCG, “a conversa permitirá así abordar a intelixencia artificial desde diferentes ángulos: as súas posibilidades e límites, o impacto nas profesións creativas, a relación entre tecnoloxía e creación, as transformacións sociais que está a provocar e as preguntas que xorden arredor da presenza humana detrás das ferramentas que empregamos”.

