
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou esta mañá a Oficina de Emprego de Ourense Centro para poñer en valor a incorporación ao Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) de novos simuladores de entrevistas de traballo baseados en intelixencia artificial.
Segundo explicou, esta nova ferramenta está actualmente en fase piloto e “permite ás persoas demandantes de emprego practicar entrevistas nunha contorna segura e similar á dun proceso real, a través dun avatar que formula preguntas e facilita o adestramento de competencias como a comunicación, a argumentación da experiencia profesional ou a presentación do perfil profesional”. Indicou tamén que ao remate da simulación, o sistema xera un informe coas fortalezas identificadas e os aspectos susceptibles de mellora que son traballados coa orientadora ou o orientador laboral.
Respecto do factor humano e o papel que xogará en consonancia con esta novidade tecnolóxica, o conselleiro apuntou que “a ferramenta non substitúe en ningún caso o labor dos profesionais, senón que se integra no itinerario personalizado de inserción laboral deseñado para as persoas que buscan emprego”. De feito, dixo, “é o persoal orientador quen determina cando resulta conveniente usala, adapta a simulación ás necesidades de cada perfil e acompaña o proceso posterior para garantir que esta práctica resulte realmente eficaz”. Os simuladores están xa dispoñibles en 17 das 54 oficinas de emprego de Galicia e a previsión é que este ano se beneficien deles arredor de 600 persoas.
A actuación enmárcase na modernización do SPEG, que conta este ano cun orzamento de 8 millóns de euros e no que se están incorporando novas ferramentas para ofrecer unha atención máis áxil, personalizada e eficaz.

