
O CITIC da Universidade da Coruña confirmou hoxe que xa está aberto o prazo de solicitude para participar na VII edición do programa educativo Talentos Inclusivos, unha iniciativa impulsada polo centro coruñés que combina tecnoloxía, innovación e inclusión e que está dirixida a centros educativos sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ciencia.
O programa do CITIC da Universidade da Coruña ten como principal obxectivo “achegar o alumnado ao ámbito da ciencia e da tecnoloxía mediante a súa participación en proxectos destinados a dar resposta a necesidades reais de persoas con discapacidade”.
En concreto, Talentos Inclusivos procura que a mocidade poida adquirir novas competencias tecnolóxicas ao tempo que traballa valores como a cooperación, a inclusión, a accesibilidade e a igualdade de oportunidades.
Os centros interesados en participar deberán presentar a súa solicitude por correo electrónico a asesoria.igualdade@edu.xunta.gal, indicando no asunto “Solicitude Talentos Inclusivos 2026-2027” e achegando o correspondente documento de solicitude.
O prazo permanecerá aberto durante 15 días naturais desde a publicación da convocatoria no portal educativo da Xunta de Galicia, contados desde o pasado 22 de setembro.
Alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional

A convocatoria está dirixida ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e ciclos formativos de Formación Profesional.
Os estudantes participarán en equipos de traballo colaborativos xunto co profesorado dos seus centros, persoal investigador do CITIC da UDC, profesionais das entidades colaboradoras e persoas con discapacidade.
Cada equipo traballará sobre un reto tecnolóxico que será definido durante os vindeiros meses do proxecto a partir das necesidades e propostas das persoas usuarias dos centros colaboradores.
Cada reto poderá contar cun máximo de 10 alumnos e alumnas, mentres que cada centro educativo poderá participar en varios retos, cun máximo de 40 estudantes por centro.
Solucións tecnolóxicas para necesidades reais

O CITIC explica que “os proxectos desenvolvidos polo alumnado teñen unha aplicación práctica, debendo os equipos buscar solucións mediante a tecnoloxía que poidan contribuír a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade”.
Entre as diferentes tecnoloxías que poderán empregarse atópanse os sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, a realidade aumentada mediante Scratch, a robótica, a domótica de baixo custo, Arduino, Home Assistant, a impresión 3D e diferentes dispositivos destinados a facilitar o acceso ao ordenador.
Tamén se poderán desenvolver actividades de lecer accesibles mediante gamificación, utilizando ferramentas como Micro:bit, Playground ou Leap Motion.
“Deste xeito, o programa permite ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos na aula á resolución de problemas concretos e traballar en proxectos tecnolóxicos cunha finalidade social”, salienta o CITIC.
O alumnado, protagonista dos proxectos

Os centros participantes deberán favorecer o diálogo e a cooperación coas entidades de atención a persoas con discapacidade que colaboren no programa. Os estudantes terán que coñecer as necesidades das persoas usuarias e manter unha comunicación periódica con elas para avanzar no desenvolvemento dos retos.
O profesorado terá a función de coordinar e acompañar o alumnado, facilitando o desenvolvemento dos proxectos, mentres que o persoal investigador do CITIC proporcionará apoio técnico cando sexa necesario.
Ademais do traballo tecnolóxico, os centros participantes deberán organizar unha sesión de sensibilización sobre a discapacidade dirixida ao alumnado do centro, non unicamente a quen participe directamente en Talentos Inclusivos. A actividade pretende ampliar o coñecemento sobre a discapacidade e fomentar unha cultura educativa baseada na inclusión e na eliminación de barreiras.
Durante o curso celebraranse tamén reunións periódicas de seguimento. Está prevista, como mínimo, unha reunión mensual en liña por cada centro educativo, destinada a analizar a evolución dos retos e resolver as cuestións que poidan xurdir.
Apoio do CITIC
Unha vez asignados os retos, os equipos deberán elaborar unha listaxe cos materiais necesarios para desenvolver os seus proxectos. Esta relación deberá presentarse no prazo dun mes desde a asignación do reto. O CITIC encargarase de xestionar a adquisición dos materiais para os centros educativos participantes e ofrecer o apoio do persoal investigador do centro cando o alumnado atope dificultades que poidan impedir o avance dos proxectos.
As actividades do programa comezarán despois da publicación da resolución definitiva e desenvolveranse durante o curso académico 2026-2027.
Os centros deberán participar activamente nas diferentes actividades, cumprir os prazos establecidos e presentar os resultados dos retos desenvolvidos.
Ao finalizar o proxecto, cada equipo deberá entregar dúas copias da solución desenvolvida: unha para a correspondente entidade de atención a persoas con discapacidade e outra para o CITIC. Os centros educativos poderán utilizar posteriormente estes resultados con fins educativos.
O programa concluirá cun acto de clausura previsto para o 11 de xuño de 2027, no que o alumnado e o profesorado participantes presentarán os traballos realizados xunto co resto dos integrantes dos grupos colaborativos.
Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas de Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que desenvolven solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional de diversos institutos de Galicia deben procurar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por persoas usuarias das entidades ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
Talentos Inclusivos conta tamén co apoio de persoas voluntarias de Inditex, que ofrecen asesoramento no desenvolvemento dos retos.

