
Nikon presentou a Nikon Z5IIC, unha nova cámara sen espello de formato completo (FX) con montura Z que combina un sensor full-frame con funcións automatizadas destinadas a facilitar o seu uso a quen se inicia na fotografía que chegará ao mercado o 15 de outubro a un prezo recomendado de 1.549 euros.
A cámara incorpora no dial de modos as escenas predefinidas, unha novidade entre as cámaras full-frame sen espello de Nikon. Permite escoller entre 15 situacións, incluíndo retratos, mascotas, comida, paisaxes nocturnas ou escenas de amencer e solpor. A partir da escena seleccionada, a Z5IIC axusta automaticamente máis de seis parámetros de captura, entre eles o balance de brancos e o Picture Control.

Tamén dispón dun botón específico para acceder ás receitas de imaxes, preaxustes creados por Nikon e por distintos creadores que permiten aplicar directamente determinados estilos de imaxe sen necesidade de realizar posteriormente a edición. O sistema de enfoque automático baseado en intelixencia artificial emprega tecnoloxías de aprendizaxe profunda para detectar os suxeitos e, no modo automático, pode analizar a escena e axustar parámetros como a apertura, a velocidade de obturación, a sensibilidade ISO e o enfoque.
A estabilización VR integrada ofrece ata 7,5 pasos de corrección no centro da imaxe (6 pasos nas zonas periféricas), mentres que a cámara pode realizar series de ata 14 fotogramas por segundo. O modo High-Speed Frame Capture + permite chegar aos 30 fps e, coa función Pre-Release Capture, gardar ata un segundo de imaxes tomadas antes de premer completamente o disparador.
O sensor CMOS retroiluminado traballa xunto co procesador EXPEED 7, o mesmo que emprega o modelo insignia da gama de Nikon. A combinación coa óptica NIKKOR Z está orientada a ofrecer unha maior calidade de imaxe ca a dun smartphone, con especial atención á reprodución das gradacións, o desenfoque do fondo e as escenas con pouca luz. Tamén incorpora a función Film Grain, presente na Nikon Zf, para aplicar un aspecto inspirado na película fotográfica.

O deseño busca facilitar o transporte e o uso cotián, cunha empuñadura ergonómica e un corpo con aliaxe de magnesio en zonas estruturais, ademais de protección fronte ao po e ás pingas. A pantalla táctil articulada de 3,2 polgadas permite disparar desde diferentes posicións e admite xestos como tocar dúas veces, ampliar ou reducir con dous dedos e deslizar. A Z5IIC estará dispoñible en negro e prata.
Inclúe gravación de vídeo 4K UHD a 60 fps (cun recorte ao formato DX) e Full HD a 120 fps, así como modos de cámara lenta a 4x e 5x. Unha luz REC e un indicador vermello arredor da pantalla permiten comprobar visualmente cando está en curso unha gravación. O modo Product Review facilita os vídeos nos que se achegan obxectos á cámara ao desprazar automaticamente o foco cara ao produto.
A Z5IIC tamén pode empregarse como webcam mediante USB grazas á compatibilidade con UVC/UAC e admite gravación H.265 de 10 bits e N-Log. Entre as opcións para creación audiovisual inclúese igualmente a gravación N-RAW de 12 bits nunha tarxeta SD.

A detección de suxeitos incorpora por primeira vez en Nikon a opción específica para peixes. A cámara pode transferir automaticamente fotografías a un smartphone mediante SnapBridge, aplicación que tamén engade unha función de simulación da cámara e contidos de aprendizaxe sobre fotografía. O equipamento é compatible, ademais, con Nikon Imaging Cloud para a xestión dos datos posteriores á captura.

